Brión, 14 de xullo do 2017 – A Carballeira de Santa Minia de Brión acolle a partir das 21:00 horas, “Estamos no verán”, un espectáculo de música e danza creado polo músico compostelán Xoán Curiel e a banda Son+de2.
O espectáculo nace da novela-disco editado por Galaxia con textos de Charo Pita e músicas do propio Curiel. Trátase dun espectáculo infantil e familiar organizado polo Concello de Brión, en colaboración coa Deputación da Coruña, e de acceso totalmente libre e de balde.
“Estamos no verán” conta a aventura musical na que un grupo de amigos se embarca para formar un grupo de música xusto cando comeza o verán. Un grupo composto por Xoán Curiel (guitarra eléctrica, ukelele e voz), a cantante Jara Ortiz e o grupo Son+de2, composto por Marta Alonso Tejada (danza), Carlos Freire (batería), Alberte Rodríguez (baixo) e Álex Salgueiro (teclados).
O espectáculo de Xoán Curiel levará a Carballeira de Santa Minia ritmos de rock, funky, blues e bossa nova, entre outros.
