Bisbarra, 24 de novembro do 2023 – O Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, realizou unha visita ao concello de Brión para supervisar os investimentos do estado no municipio.
Na xuntanza o delegado, ademais de asinar no Libro de Honra, tivo ocasión de coñecer as propostas e os proxectos nos que traballa o goberno local e ver a maneira de impulsar desde os distintos ministerios algunha destas iniciativas.
Pedro Blanco lembrou que, en materia de transición enerxética o Goberno financiou en Brión o cambio a tecnoloxía led da iluminación pública. Este proxecto recibiu 150.000 euros do Ministerio para a Transición Ecolóxica. O cambio permitiu ao Concello diminuír o seu consumo de luz e, por conseguinte, abaratar a súa factura eléctrica.
No que respecta á dixitalización, o delegado destacou que, co apoio dos fondos do Plan de Recuperación, “que chega a todos e cada un dos concellos galegos”, o Goberno está a completar a dixitalización de Galicia.
En este sentido o Programa UNICO do Ministerio de Transformación Dixital, permitirá levar Internet de alta velocidade a través de fibra óptica a 451 familias e empresas do municipio. Telefónica, que foi a adxudicataria na convocatoria de 2021, e vento Vento Rede, que levou as de 2022 e 2023 son as empresas encargadas de acometer estes traballos na provincia da Coruña.
Brión tamén se beneficia dun Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) Terras de Santiago, no que se integran outros nove concellos. Este proxecto, que busca potenciar os mercados gastronómicos locais; crear e promocionar novos formatos de turismo gastronómico na comarca e reforzar a oferta de turismo activo, recibe 1,3 millóns de euros do Plan de Recuperación a través do Ministerio de Industria e Turismo e contempla como accións en Brión o reforzo das sendas agrarias do municipio.
O delegado do Goberno, Pedro Blanco, sinalou que concellos como o de Brión “teñen moito que dicir” nas transformacións que impulsa o Goberno en Galicia e en España en eidos como a transición enerxética ou a dixitalización. Blanco afirmou que a colaboración cos concellos, como administración máis próxima á cidadanía, “é unha prioridade do Goberno de Pedro Sánchez; foino nas anteriores lexislaturas e vano seguir sendo nos próximos catro anos”, apuntou.