Bisbarra, 25 de marzo do 2024 – A veciñanza de Cornanda, en Brión, organizou este domingo unha tractorada para protestar contra a intención de instalar unha central de bombeo para aproveitamento eléctrico.
As protestas en Brión e a súa contorna veñen tempo producíndose desde que se coñeceu a intención de outorgar unha concesión de augas superficiais a Naturgy para a instalación de central de bombeo. A tractorada partiu do local social de Cornanda, un lugar no que se atopa unha das explotacións máis importantes da parroquia.
A manifestación contou coa participación de máis dun cento de veciños de aldeas como A Graña, Vilariño, Cornanda, Alfonsín e Busto de Frades, as máis afectadas polo proxecto. Contaron co apoio de xente próxima como Goiáns, Os Ánxeles ou Bertamiráns. Arredor de vinte tractores participaron percorrendo os lugares de Brión onde se quere instalar a central de bombeo.
A xornada, que transcorreu en todo momento sen ningún tipo de incidentes, rematou cun xantar de confraternidade no que a veciñanza da parroquia de Cornanda deixou claro que “seguirá loitando pola defensa das súas vivendas, do seu medio natural, e das súas granxas contra un proxecto de carácter especulativo e totalmente innecesario”.