Bisbarra, 12 de febreiro do 2024 – A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural autoriza a repoboación parcial da Carballeira de Santa Minia proposta polo Concello de Brión.
Brión leva anos buscando solucións aos problemas da Carballeira de Santa Minia. O concelleiro de Medio Rural e Obras Públicas, José Antonio Vidal explica que “estas árbores foron analizadas por distintos especialistas de distintos centros de Galicia e todos conclúen o mesmo: que están afectadas por distintos fungos de raíz e de madeira e, especialmente por Armillaria mellea, unha enfermidade mortal para estes carballos e que non ten cura posible”.
A Armillaria mellea provoca a putrefacción do sistema radicular e, en consecuencia, a morte da árbore por inanición ao non poder absorber nin a auga nin os nutrintes do chan. Vidal engade que “nas próximas semanas, dependendo das condicións climatolóxicas, imos proceder a retirar tanto os carballos como toda a terra que hai actualmente na zona sur, pois tamén está contaminada por Armillaria. Xa temos reservados nun viveiro 8 exemplares de carballo e terra nova para plantalos o antes posible”. Estes oito novos exemplares, de 3 metros de altura, plantaranse de xeito que teñan luz suficiente e fagan copas abertas.
Repoboación parcial
A autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural foille comunicada o pasado mércores 7 de febreiro ao Concello de Brión, dando resposta á autorización solicitada en decembro de 2023. O Consello Territorial de Patrimonio Cultural de Galicia da Coruña, reunido en sesión do 29 de xaneiro de 2024, analizou a documentación achegada polo Concello brionés, entre a que figuraba:
Informe asinado polo arquitecto municipal do Concello de Brión; informe sobre o estado da Carballeira de Santa Minia asinado polo especialista en xardinería Alfonso Touceda Abelleira; informe de resultado de analíticas asinado pola xefa de servizo da Estación Fitopatolóxica de Areeiro.
O Consello Territorial de Patrimonio Cultural de Galicia da Coruña fai fincapé no informe emitido pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro no que “destaca a gravidade da Armillaria mellea debido a que non existe ningún tratamento para curala, sendo esta ademais unha enfermidade que se transmite ás árbores próximas ás afectadas polo solo”. Ademais de informar favorablemente ás obras solicitadas polo Concello de Brión, a Comisión tamén solicita que, unha vez estean finalizados os traballos, se lle remita unha memoria final.
Paralelamente, o Concello de Brión procederá á análise do resto de árbores que integran a Carballeira de Santa Minia coa finalidade de coñecer o seu estado sanitario actual de cara a tomar unha decisión de como proceder con elas.