Skip to content
Lindeiros

Lindeiros

Lindeiros, o xornal da bisbarra de Compostela e da súa capital,

Primary Menu
  • Xeral
  • Axenda
  • Concellos
  • Contacta
  • Brión
  • Xeral

Brión presenta a Santa Minia 2025

Un dos cartes da Romaría de Santa Minia

Esta semana unha feira labrega servirá de ante sala á festa máis importante do concello e unha das romarías referentes da bisbarra.

Brión presentou a programación da Romaría de Santa Minia que terá lugar do venres 27 ao domingo 29 de setembro. A música volverá ser un dos seus principais atractivos, coa participación de catro das mellores orquestras de Galicia (Panorama, Finisterre, Unión y Fuerza e Marbella) e un novo domingo folk con Budiño e a súa xira “Branca Vela”.

A Carballeira de Santa Minia non acollerá ningunha actividade da programación e só se manterá aberta ao público a zona repoboada, tal e como está a día de hoxe. Así mesmo, manteranse novidades como o Punto Lila, que funcionará como punto de atención a mulleres e persoas LGTBIQ+ que foran obxecto dunha agresión e tamén como punto de sensibilización e concienciación da necesidade de que as festas sexan espazos libres de violencia.

A tradicional queima da fachada da Véspera (26 de setembro) será substituída por un espectáculo de luz e son que, a través da tecnoloxía de vídeo mapping, recreará unha queima virtual de fachada e contará distintas historias para desfrute das persoas asistentes, xusto antes da tradicional tirada de fogos de artificio.

Os tradicionais postos de venda instalaranse na avenida de Santa Minia a partir da tarde do venres 26 de setembro. A previsión é que este ano se instalen máis dun cento de postos e casetas de venda de rosquillas, roupa, produtos de segunda man, embutidos, larpeiradas, licores, filloas, ferramentas, artesanía, velas, imaxes relixiosas, xeados… A maiores estarán as polbeiras estarán instaladas a carón da carballeira, vendendo máis de 5.000 quilos de polbo e grandes cantidades de churrasco, entre outros produtos.

Homenaxe a Vizoso

O cartel da Santa Minia é unha merecida homenaxe a Xosé Vizoso (Mondoñedo 1950-Brión 2025) quen fora o artista encargado de ilustrar a Romaría dende o ano 2010. O Concello de Brión, coa aprobación da familia do artista finado o pasado xaneiro, recuperou unha ilustración creada para unha tarxeta de Nadal de 2006, cunha imaxe potente e festiva moi semellante a outras publicadas por Vizoso para a romaría.

Brión desexa pechar esta etapa publicando un derradeiro cartel asinado por Xosé Vizoso, como homenaxe ao inesquecible artista polifacético. Ademais, ata o 30 de setembro permanecerá no centro social polivalente a exposición “Xosé Vizoso, o neno que debuxou un cabalo”, que recolle algún dos seus mellores carteis, tanto de Santa Minia como doutras moitas festas galegas.

Pases de acceso

O Concello de Brión expedirá, ata o martes 23 de setembro, os correspondentes pases de acceso para que a veciñanza que reside na avenida de Santa Minia poidan acceder aos seus domicilios durante os tres días da Romaría de Santa Minia, momento no que os accesos estarán restrinxidos ao público en xeral. As solicitudes poden presentarse nas oficinas municipais ou a través da sede electrónica municipal.

Poderán acceder a estes permisos de tres días aquelas persoas residentes nas rúas Gondar e Moutello, avenida de Santa Minia (do número 15 ao 116) e Lamiño (dende a avenida de Santa Minia ata a estrada de Lamiño).

Programación

A Romaría de Santa Minia abrirá as súas portas o venres 26 de setembro, día de Véspera, coa primeira das tres sesións do VIII Festival Monecadas, que terán lugar na praza do concello os tres días ás seis da tarde, salvo a actuación de Títeres Alakrán, que será ás 12:00 horas no propio día de Santa Minia. Unha edición especialmente variada, con participantes de Francia, Asturias, Andalucía e Galicia. Os grupos participantes son “El Buho Teatro”, co espectáculo “La Granja” (venres 26); Títeres Alakrán con “O xigante Barriga Verde” e Grupo de Teatro “Los Pintores” con “Los pintores” (sábado 27) e Compañía Pelele con “La muerte de don Cristóbal” (domingo 28).

Tras os monicreques, a praza do Concello acollerá a tradicional actuación das Escolas de Baile e Música Tradicional de Brión (19:00 horas). Unha hora despois, pasarrúas da Charanga Os Celtas que dará paso ás 22:00 horas ao concerto das orquestras Unión y Fuerza e Marbella, con parada á medianoite para o espectáculo de luz e son e a tirada de fogos de artificio.

O sábado 27 de setembro (Día de Santa Minia) comezará ás 10:00 horas coa música do grupo de gaitas “Devagarinho”, seguido dun pasarrúas coa Charanga Os Celtas. A sesión vermú correrá a cargo da artista local Ruth Cundíns. Para a tarde, novo pasarrúas da charanga Os Celtas de Negreira (16:00 horas) e do grupo de gaitas “Airiños do Petouto”. A verbena arrincará ás 22:00 horas coa orquestra Finisterre e Disco Móbil Impacto.

Finalmente, o domingo 28 de setembro amencerá co pasarrúas do grupo de música tradicional “@s Garuleir@s” e da charanga BB+, que se encargará tamén da sesión vermú. Pola tarde, pasarrúas coa agrupación musical tradicional “Tíralle do aire”, previo ao concerto de Budiño, ás 20:00 horas, dentro da súa xira “Branca vela” e subvencionada pola Rede Cultural da Deputación da Coruña. A orquestra Panorama porá o broche de ouro aos festexos.

No que atinxe aos actos relixiosos, hoxe mércores 17 de setembro comeza a Novena de Santa Minia, con misas ás 10:00 e ás 20:00 horas todos os días ata o 25 de setembro. O venres 26 (Véspera) haberá misas tanto de mañá (10:00 e 12:00 horas) como de tarde (18:00, 19:00 e 20:00 horas). O Día de Santa Minia celebrará a misa solemne ás 13:00 horas. Os demais oficios serán tanto en horario de mañá (9:00, 10:00, 11:00 e 12:00 horas) como de tarde (17:00, 18:00, 19:00 e 20:00 horas). O domingo 28, misas ás 10:00, 11:00, 18:00 e 19:00 horas.

Feira Labrega

O Concello de Brión ten preparado esta semana un intenso programa de actividades para poñer en valor o sector primario e promover o comercio de produtos locais e sostibles. Unha programación que inclúe a realización da sétima edición da Feira Labrega e da segunda edición da Ruta das Hortas e do Coworking Fest.

A concelleira de Promoción Económica, Guarina Rey, explica que “dende o Concello queremos apoiar o noso rural e promover o comercio dos mellores produtos que produce a nosa veciñanza nas súas hortas”.

Hoxe xoves 18 de setembro terá lugar a segunda xornada de portas abertas, con elaboracións e degustacións en directo de 10:00 a 13:00 horas no espazo colaborativo de Montebalado. A entrada é libre e de balde xa que “queremos aproveitar unhas datas como as do mes de setembro, que é cando moita xente comeza con novos proxectos, para tratar de darlle maior visibilidade ao coworking e captar novas persoas usuarias”, apunta Guarina Rey.

Ruta das Hortas

Outra das novidades que acadou un gran éxito na pasada edición é a Ruta das hortas, visitas guiadas, gratuítas e abertas a toda a veciñanza polas hortas de distintas persoas produtoras de Brión, que darán a coñecer como producen de maneira sostible.  

O Concello de Brión e a asociación Daquídarredor organizan una visita o domingo 21 ás 10:30 horas, na que se contará coa compaña do chef José Manuel Mallón. Para participar non é necesaria inscrición previa. O punto de encontro será na propia Feira Labrega media hora antes do seu inicio.

O domingo 21de setembro, de 11:00 a 20:00 horas, terá lugar a sétima edición da Feira Labrega, que volve á contorna da Carballeira de Santa Minia, nesta ocasión á praza das polbeiras. Baixo a lenda “Brión, un xardín comestible”, a Feira inclúe exposición e venda de produtos da horta, froitas de tempada, conservas, queixos, repostería artesanal e alimentos caseiros…

Ás 13:00 horas terá lugar un showcooking a cargo do chef José Manuel Mallón, con degustación dos sabores de Brión e da contorna, así como petiscos da IXP Tenreira Galega. Unha iniciativa na que o Concello de Brión conta coa colaboración do GDR Terras de Compostela, Terreira Galega, Asociación Darredor e do Xeodestino Terras de Santiago. Pecharán a mañá as Escolas de música e baile tradicional de Brión.

Xa pola tarde, ás 16:00 horas, o rockeiro Pakolas presentará o espectáculo “Ecoralia, a lambona ecolóxica”, dirixida a un público infantil e familiar. Ás 17:00 horas, faladoiro “O poder das plantas: etnomedicina na Serra do Caurel”, con María Moure, “María das Herbas”. Para rematar cun novo showcooking ás 18:30 horas da man de José Manuel Mallón, desta vez con degustación de produtos elaborados no coworking Transformando en Brión. A VII Feira Labrega pechará as súas portas ás 20:00 horas.

Post navigation

Previous: 300 artistas actuando ao mesmo tempo no Go!Go!Zo!
Next: O proxecto da planta de biogas de Trazo chega ao pleno

Máis novas

no adscritas sabugueir labacollla 9 de outubro do 2026
6 minutes read
  • Xeral

Críticas ao PIA de Sabugueira, en Compostela

composyela transitos fest 9 outubro 2026
4 minutes read
  • Xeral

Tránsitos Fest

USC LEGO SERIOUS PLAT 8 DE OUTUBRO DO 2026 (1)
2 minutes read
  • Xeral

Emprender xogando con Lego e a USC

AMES CONTRATO DE MANTEMENTO DE LUMINARIAS 8 DE OUTURBRO DO 2026
4 minutes read
  • Xeral

Ames presenta o novo servizo de mantemento do alumeado público

compostela reapertura museo de maxia 18 novembro 2025 (1)
3 minutes read
  • Xeral

O Museo da Maxia de Galicia crea unha Escola de Maxia 

brion orzamento 07 outubro 20026
3 minutes read
  • Brión

Brión quere aprobar hoxe o orzamento máis alto da súa historia

touro visitas patrimnio slide 7 outubro 2026
2 minutes read
  • Xeral

Touro descobre o seu patrimonio oculto

amea maxia sñide 7 outubro 2026
6 minutes read
  • Xeral

XXI Festival Internacional de Maxia de Ames

Etiquetas

25N (53) alcaldes (78) asociacións e fundacións (2085) Ciencia (115) Comercio e empresa (665) Coronavirus (278) Crechas (38) Cultura (2818) Curtocircuito (40) Deportes (750) Economía (450) Educación (777) eleccions (48) Emprego (244) Entroido (42) Festas e Feiras (622) Festivais (837) Galego (146) Institucións (1439) lixo (88) Mancomunidade de Ordes (45) Mandingo (92) Medio Ambiente (1622) muller (187) Nadal (200) Obradoiro Cab (79) o máis lido da semana (55) Patrimonio (824) Plataforma Casalonga limpa de residuos (81) Plataforma Veciñal Mina Touro O Pino NON (42) Plenos (736) Politica (949) saúde (533) Servizos (2699) sindicatos (109) Social (563) sucesos (133) Tabernalia (184) Tecnoloxía (46) Transporte e estradas (702) Turismo (223) Universidade (586) urbanismo (264) xuntas de goberno (37) Xustiza (120)
  • Facebook
  • X
  • Instagram
  • BSky
  • Youtube
  • Whatsapp
Copyright © 2026 All rights reserved. | MoreNews by AF themes.

We use our own and third-party cookies to ensure the website works properly, measure usage, and improve our services. You can accept all cookies, reject non-essential cookies, or configure your preferences. Cookie policy

Configure cookies

Required for the website to work correctly. They cannot be disabled from this panel.

Help measure site usage and improve its content.

Allow advertising, campaign measurement, or ad personalization.

Store preferences or enable non-essential external content.