Skip to content
Lindeiros

Lindeiros

Lindeiros, o xornal da bisbarra de Compostela e da súa capital,

Primary Menu
  • Xeral
  • Axenda
  • Concellos
  • Contacta
  • Brión
  • Xeral

Brión brillou un ano máis en Santa Minia

brion-santa-minia-post-slide-30-setembro-2024-(3)_r

Bisbarra, 1 de outubro do 2024 – Brión viviu un ano máis a Santa Minia coa participación de milleiros de persoas e coa vista posta no peche da carballeira e a esperanza da súa recuperación.

Unha riada de xente chegou a Santa Minia como non se lembraba nos últimos anos e que, no día grande coincidiu coa misa solemne e a hora do xantar. A romaría chegou a colgar o cartel de “completo” nos aparcamentos máis próximos á carballeira, algo que non acontecera no último lustro.

O tempo acompañou á festa, salvo algún que outro chuvasco ocasional pero de escasa entidade, o que animou a achegarse ata o santuario a milleiros de persoas non só de Brión, senón tamén das comarcas próximas como Santiago, Barbanza, Noia, Xallas e Ordes.

Xa durante a noite do xoves, Día de Vésperas, a parcela dos concertos estivo totalmente chea durante a tirada de fogos de artificio e a verbena coas orquestras Los Satélites e Olympus, cuxo final estivo pasado por auga debido a un forte trebón.

As visitas ao santuario comezaron ás nove da mañá e desenvolvéronse con colas, cunha espera media de dez minutos pero que aumentou ata os 25 minutos coincidindo coa celebración da misa solemne.

Deste xeito, milleiros de devotos cumpriron coa tradición de bicar o sepulcro onde repousa a santa, pasar sobre el as típicas estampiñas de Santa Minia para que lles dean sorte durante todo o ano e deixar ao seu pe as figuriñas de cera con formas de mans, brazos, cabezas, pernas… de acordo con aquela parte do corpo na que pidan a actuación de Santa Minia e que os devotos mercaran minutos antes nos postos que rodean a capela

Coma en anos anteriores, e por razóns de seguridade, as candeas de ofrenda que traían os romeiros non foron depositadas na capela senón na casa reitoral, onde tiveron lugar as misas, que este ano reduciron a súa frecuencia no horario de tarde.
Romaría con novidades

Para dar a coñecer os traballos de repoboación que se están facendo na Carballeira de Santa Minia, pechada dende hai meses por motivos de seguridade, o Concello de Brión reabriu a parte xa saneada e cos novos carballos xa perfectamente adaptados ao terreo.

No valado de peche da parte que aínda queda por analizar sanitariamente, o Concello dispuxo unha exposición fotográfica que recollía dende todos os carteis elaborados para a Romaría de Santa Minia como unha recompilación de fotografías antigas da celebración, algo que foi moi celebrado polos romeiros de maior idade.

As cinco polbeiras que estiveron cheas desde a súa instalación e non deixaron de vender racións de polbo e de churrasco. No Día de Santa Minia, a espera media para entrar nelas roldaba entre os 10 e o 20 minutos, nas horas puntas.

Pola súa banda, as atraccións infantís ateigaron a finca fronte ao centro social polivalente, onde ofreceron unha hora gratuíta para a rapazada de Brión e onde manterán un horario inclusivo de 16:00 a 17:00 horas no que funcionarán sen son, para facilitar a participación de persoas con diversidade funcional.

Entre esta parcela e o santuario de Santa Minia apostáronse preto de 150 postos de venda de rosquillas, roupa, chourizos, antigüidades, queixos, xamón ibérico, larpeiradas, licores, filloas, ferramentas, pulseiras, velas, imaxes relixiosas, música, zapatos, xeados…, así como varios food-tracks.

A música nas rúas brionesas correu a carga das charangas Os Jalácticos e Os Celtas, así como do grupo de gaitas Airiños do Petouto. A sesión vermú correu a cargo da artista local Ruth Cundíns, nunha parcela próxima ás polbeiras onde esta noite actuarán as orquestras Marbella e Origen.

Autoridades

O alcalde de Brión, Pablo Lago, agradeceu o “extraordinario traballo que realizaron os traballadores municipais, así como os membros de Protección Civil, Policía Local, Garda Civil, tanto de Brión como chegados doutras localidades, así como do persoal médico para que as festas se desenvolvan dentro da normalidade e sen ningunha incidencia”.

Lago Sanmartín guiou pola Romaría á comitiva oficial composta por Diego Calvo, conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes; Marcos Araújo, xerente da Axencia Galega de Emerxencias; José Blas García Piñeiro, alcalde de Ames; Juan Manuel Saborido, alcalde de Carnota; Juan Manuel Rodríguez, alcalde de Cerceda; Francisco Xabier Castro Tourís, alcalde de Dodro; Manuel Ángel Leis Míguez, alcalde de Negreira; Lucía Calvo de la Uz, alcaldesa de Teo; e Diego Luís Díaz Méndez, alcalde de Val do Dubra. Tamén asistiron os concelleiros do grupo de Goberno de Brión Carlos Noya Pereira, José Antonio Vidal González, Sandy Cebral Gómez, Guarina Rey Vázquez e Rosa Romero Fariña, así como a concelleira popular María Fariña Bellón. Tras un paseo polos postos de venda, a comitiva participou nun xantar nunha das polbeiras.

Post navigation

Previous: XXI Curtocircuíto, falamos co seu director Pela del Álamo
Next: O concello de Santiago terá visitas turísticas tras unha rehabilitación do edificio

Máis novas

bng maes parquing milladoiro 6 novembro 2026
3 minutes read
  • Xeral

As incógnitas do aparcadoiro do Milladoiro

deputacion via verde remata en marzo 6 de novembro 2026 (1)
4 minutes read
  • Xeral

A Vía Verde podería estar rematada en marzo

KD&L
3 minutes read
  • Axenda

Kitty, Daisy e Lewis abren o Outono Códax Festival

Sesión constitutiva IX Lexislatura
3 minutes read
  • Xeral

Os colexios seguen pedindo reformas

Teo: Mara Cajaraville foi afeccionada aos cabalos dende que era moi pequena. Fotos familiares
5 minutes read
  • Xeral

San Martiño 2026

noia vai de tapas 5 novembro 2026 (2)
4 minutes read
  • Xeral

Noia vai de tapas

ames aproba novo credito para gastos ordinarios 2 novemro 2026
10 minutes read
  • Ames

Ames aproba un novo crédito extraordinario de 1,4 millóns de euros

cineurop a40 aniversario 2 novembro 206
8 minutes read
  • Axenda

Cineuropa celebra 40 anos

Etiquetas

25N (53) alcaldes (78) asociacións e fundacións (2086) Ciencia (115) Comercio e empresa (665) Coronavirus (278) Crechas (38) Cultura (2830) Curtocircuito (40) Deportes (751) Economía (450) Educación (778) eleccions (50) Emprego (244) Entroido (42) Festas e Feiras (623) Festivais (837) Galego (146) Institucións (1441) lixo (88) Mancomunidade de Ordes (45) Mandingo (92) Medio Ambiente (1626) muller (187) Nadal (200) Obradoiro Cab (79) o máis lido da semana (55) Patrimonio (832) Plataforma Casalonga limpa de residuos (81) Plataforma Veciñal Mina Touro O Pino NON (42) Plenos (738) Politica (951) saúde (534) Servizos (2704) sindicatos (109) Social (567) sucesos (133) Tabernalia (184) Tecnoloxía (46) Transporte e estradas (703) Turismo (223) Universidade (588) urbanismo (265) xuntas de goberno (37) Xustiza (120)
  • Facebook
  • X
  • Instagram
  • BSky
  • Youtube
  • Whatsapp
Copyright © 2026 All rights reserved. | MoreNews by AF themes.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para garantir o correcto funcionamento do sitio web, medir o seu uso e mellorar os nosos servizos. Podes aceptar todas as cookies, rexeitar as non necesarias ou configurar as túas preferencias. Política de cookies

Configure cookies

Necesarias para que o sitio web funcione correctamente. Non se poden desactivar desde este panel.

Axudan a medir o uso do sitio web e a mellorar os seus contidos.

Permiten publicidade, medición de campañas ou personalización de anuncios.

Gardan preferencias ou permiten contido externo non necesario.