Bisbarra, 25 de setembro do 2024 – O concello de Brión decidiu abrir parcialmente a carballeira de Santa Minia durante os días da Romaría, unha boa nova despois do esforzo que se está a facer pola súa recuperación.
Este xoves 26 comezan catro días de festa en Brión coa Santa Minia nos que a carballeira seguirá sendo, de algún modo, unha das protagonistas da festa. A música volverá ser un dos principais atractivos da programación, coa participación de catro das mellores orquestras de Galicia.
Este ano a novidade na Santa Minia e un sábado de rock (con Astarot e Sr Salvaje) e un domingo folk con Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, que se unirán aos tradicionais actos da romaría: misas, polbeiras, fogos de artificio e postos de venda ambulante…
A Carballeira de Santa Minia non acollerá por primeira vez ningunha actividade da programación. Despois de permanecer pechada os últimos meses, o Concello de Brión non quixo deixar de abrila, polo menos parcialmente, ao ser tamén un símbolo da romaría.
O alcalde, Pablo Lago, o explica “Queremos que a veciñanza e todas as persoas que nos visitan durante estes días tan especiais poidan ver os traballos de repoboación que se están facendo na Carballeira, onde estamos moi satisfeitos pola boa adaptación que están tendo os novos carballos”.
Seguindo as recomendacións dos técnicos, só se abrirá ao público a zona repoboada e non se programou ningunha actividade sobre ela, habilitándose este espazo unicamente como zona de paseo. O resto da Carballeira permanecerá pechada para garantir a seguridade dos milleiros de persoas que visiten Brión nestes días.
Así mesmo, manteranse novidades como o Punto Lila, que funcionará como punto de atención a mulleres e persoas LGTBIQ+ que foran obxecto dunha agresión e tamén como punto de sensibilización e concienciación das persoas asistentes da necesidade de que as festas sexan espazos libres de violencia.
Estará operativo o xoves 26, de 21:00 a 3:30 horas; e o venres 27 e sábado 28 de setembro, de 22:30 a 4:00 horas na finca onde se desenvolverán os concertos, na contorna da carballeira e a carón da finca das polbeiras.
Brión Inclúe
Ademais, haberá un horario inclusivo de 16:00 a 17:00 horas durante toda a Romaría na zona de atraccións infantís, emprazada fronte ao centro social polivalente e que este ano rexistrará unha participación sen precedentes, cunha trintena de postos. Durante esa hora, as atraccións funcionarán sen música nin ruído para facilitar a participación de persoas con diversidade funcional.
Unha integración á que este ano súmase o festival Brión Inclúe, cuxa sétima edición coincidirá no tempo coa Romaría de Santa Minia. “Comezamos no 2018 cun programa de tres días e desde entón non deixamos de medrar.
Agora decidimos ir un paso máis aló e facer coincidir o festival coa Romaría de Santa Minia, para que esta programación cultural variada, de calidade e inclusiva sexa accesible ao maior número de persoas posible”, explica Pablo Lago.
Ademais das actividades programadas para o colectivo e para a rapazada de Brión, a novidade deste ano será que tres grupos do Brión Inclúe protagonizarán a sesión vermú do domingo 29 de setembro.
Actuarán a tiktoker Leti da Taberna, cun espectáculo de narración oral no que utiliza a ironía para facer crítica social dende unha perspectiva feminista; Iguatuke, un grupo de batukada inclusiva; e Chungo Pastel, un grupo de rock formado por persoas con diversidade funcional cun repertorio de versións de éxitos do pop-rock e algún tema propio.
Un ano máis, a tradicional queima da fachada da Véspera será substituída por un espectáculo de luz e son que, a través da tecnoloxía de vídeo mapping, recreará unha queima virtual de fachada e contará distintas historias para desfrute das persoas asistentes, xusto antes da tradicional tirada de fogos de artificio. Así mesmo, coa Carballeira de Santa Minia pechada, os concertos e as verbenas terán lugar nunha finca a carón das polbeiras.
Os tradicionais postos de venda instalaranse na avenida de Santa Minia, especialmente a partir da tarde do xoves 26 de setembro.
A previsión é que este ano se instalen máis dun cento de postos e casetas de venda de rosquillas, roupa, produtos de segunda man, embutidos, larpeiradas, licores, filloas, ferramentas, artesanía, velas, imaxes relixiosas, xeados…
A maiores estarán as polbeiras estarán instaladas a carón da carballeira, vendendo máis de 5.000 quilos de polbo e grandes cantidades de churrasco, entre outros produtos.
Programación
A Romaría de Santa Minia abrirá as súas portas mañá xoves 26 de setembro, día de Véspera, cunha sesión vermú coa charanga Santa Compaña. Pola tarde, primeira sesión da VII Festival Monecadas que terá lugar na praza do concello todos os días ás cinco da tarde: “Emotivas”, de Titiritrés; “Unha armadura con ferruxe”, de Títeres Cascanueces; e “Cachimóbil: a cabeza do dragón”, de Títeres Cachirulo. Pechará o festival Títeres Alakrán con “A Cuba!”, o domingo 29 de setembro ás 12:00 horas.
A tarde de Véspera contará coa música da Charanga Noroeste e as orquestras Los Satélites e Olympus, en cuxo intermedio terá lugar o tradicional espectáculo de luz e son e tirada de fogos de artificio.
O venres 27 de setembro comezará coa música do grupo de gaitas Airiños do Petouto e da Charanga Os Jalácticos, que darán paso á sesión vermú coa artista local Ruth Cundíns. Para a tarde, actuacións da charanga Os Celtas de Negreirga e das Escolas de Baile e Música Tradicional de Brión, que darán paso a unha verbena coas orquestras Marbella e Origen.
Para o sábado 28, pasarrúas co grupo de gaitas Devagariño, actuación de DJ Nyan Boe e sesión vermú co grupo de humor Os Tristes, composto por Federico Pérez e Marcos Pereiro. Pola tarde, pasarrúas coa agrupación musical tradicional Tíralle do aire e concerto de Astarot e Sr Salvaje, coas súas respectivas xiras “40 aniversario” e “Vuela”.
Finalmente, o domingo 29 de setembro amencerá co pasarrúas do grupo de gaitas Airiños do Paseo de Colón e da charanga Os Celtas, que darán paso á sesión vermú co Festival Brión Inclúe. Pola tarde, Festival de Bandas de Música coas bandas municipais de Brión e CMUS de Carballo, previo ao concerto de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre.
No que atinxe aos actos relixiosos, xoves 26 (Véspera) haberá misas tanto de mañá (10:00 e 12:00 horas) como de tarde (18:00, 19:00 e 20:00 horas). Finalmente, o Día de Santa Minia celebrará a misa solemne ás 13:00 horas. Os demais oficios serán tanto en horario de mañá (9:00, 10:00, 11:00 e 12:00 horas) como de tarde (17:00, 18:00, 19:00 e 20:00 horas).