Bisbarra, 6 de febreiro do 2023 – O alcalde de Brión, Pablo Lago, mantivo unha reunión con responsables de UFD na Coruña para poñer fin aos cortes de subministro eléctrico no concello.

Na reunión participaron o delegado, Emilio Castro, e o xefe de Operacións de Santiago, Fernando Fernández. Alcalde e responsables de UFD analizaron a situación actual da rede de distribución no municipio e acordaron seguir colaborando na mellora continua da calidade e garantía de subministro.
Castro confirmou que “a distribuidora ten previsto incluír no seu plan de investimentos para este ano actuacións e iniciativas para robustecer a rede de distribución de Brión, especialmente en zonas rurais, e así seguir mellorando o servizo aos veciños da zona.”
Pola súa banda o alcalde, Lago Sanmartín, amosou a súa satisfacción pola boa disposición de UFD na resolución das incidencias que afectan a veciños e empresas do municipio, e agradeceu a vontade da distribuidora de seguir investindo na mellora da calidade do subministro eléctrico na zona, sobre todo no rural.
Pablo Lago dixo que “Pola nosa parte, asumimos tamén o compromiso de insistir na importancia de que a veciñanza teña limpos os terreos por onde discorren liñas secundarias, de cara a minguar o risco de incidencias por caída de árbores”.
O alcalde trasladoulles que “dende hai varios meses prodúcense cortes intermitentes de subministro eléctrico en varias parroquias de Brión, sobre todo procedentes das fases que veñen de Negreira. Son cortes continuados e de distinta duración que impiden que a xente poida teletraballar ou estudar dende as súas vivendas, ademais do risco de que se poidan danar os electrodomésticos e equipos informáticos das vivendas e empresas do municipio”. Unha situación que tivo o seu cumio nos cortes de subministro producidos o pasado 31 de decembro, durante a celebración da Noitevella, o que motivou numerosas protestas veciñais, das que o alcalde brionés aproveitou para darlles traslado aos responsables de UFD.
Medio millón de investimentos
UFD, a distribuidora eléctrica de Naturgy, investiu durante o ano 2022 en torno a medio millón de euros en varias actuacións e obras de mellora de instalacións eléctricas en media e baixa tensión en Brión para aumentar a capacidade da rede de distribución do municipio e optimizar a fiabilidade do subministro eléctrico.
Entre outras actuacións, a distribuidora ampliou a potencia do transformador de Gundín e a capacidade da súa rede de baixa tensión e tamén aumentou a capacidade da rede de baixa tensión en Chave de Ponte. Así mesmo, renovou varias infraestruturas para mellorar a calidade de subministro como nos Ánxeles e en Pousada (Viceso), onde se substituíron os transformadores.
UFD fixo, ademais, un importante esforzo en innovación e aplicación de novas tecnoloxías para avanzar na telemedida e telexestión dos puntos de subministro, no telecontrol e sensorización das redes, así como no robustecemento das infraestruturas e integración das redes de comunicación e sistemas de información coa rede convencional para optimizar a súa explotación. Nese sentido, a distribuidora eléctrica instalou varios equipos de telexestión nos transformadores de Santa Minia, O Casal e Amañecida, o que permitirá optimizar a fiabilidade do servicio e minimizar os tempos de resposta ante calquera incidencia.