Bisbarra, 16 de febreiro do 2023 – O concello de Brión aprobou en pleno a sinatura dun convenio coa Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) para o acondicionamento do campo de fútbol José Pumar.

O convenio, aprobado por unanimidade, contempla que a Federación Galega se encargará de facer o proxecto das novas instalacións deportivas, que despois será executado polo concello de Brión. O campo incluirá unha placa indicando a colaboración da Federación, así como dúas pancartas promocionais da RFGF durante as próximas tres temporadas.
O alcalde, Pablo Lago Sanmartín, indica que “imos acometer unha remodelación integral do campo de fútbol do Bastavales e ampliar a súa superficie en dez metros. Así, coas novas dimensións poderase xogar tanto a Fútbol-11 como a Fútbol-8 en dous campos de xogo”.
O proxecto inclúe tamén un novo alumeado, con catro torres de 20 metros e proxectores LED, así como una rede para a recollida da auga da chuvia e a instalación dunha nova rede de rego e dun peche das instalacións en aluminio. Unha actuación que suporá un investimento de case 550.000 euros.
REC e Moción
O pleno tamén aprobou por unanimidade o recoñecemento extraxudicial de crédito (REC 1/2023) por un importe de 42.593,28 euros para o pago de facturas de exercicios anteriores non presentadas a tempo.
Finalmente, o Pleno aprobou por unanimidade e sen debate unha moción do BNG sobre o impulso de medidas encamiñadas a blindar, garantir e defender os dereitos das mulleres así como promover a igualdade real entre mulleres e homes en Galicia.
Un acordo polo que o Concello de Brión amosa o seu apoio ás distintas mobilizacións convocadas polo feminismo galego o 8 de marzo en defensa das mulleres e o seu compromiso por promover a igualdade real entre homes e mulleres.
A maiores, o Concello de Brión insta á Xunta de Galicia a crear o Instituto Galego das Mulleres, a Unidade de Saúde Integral das Mulleres e a Valedoría das Mulleres, así como estender o protocolo do Partido Xudicial de Santiago encamiñado a impedir a revitimización das mulleres vítimas da violencia sexual durante o proceso xudicial e elaborar un plan de extensión dos servizos públicos en materia de coidados, aumentando o número de prazas públicas de escolas infantís, centros de día e de discapacidade.