займ срочно

Prorroga da concesión da auga e o novo xuíz de paz centran o pleno de Brión

0

Brión, 16 de xuño do 2022 – O pleno ordinario de Brión aprobou por unanimidade todos os asuntos entre os que destacan a prórroga do contrato de auga e a elección do novo xuíz de paz.

Imaxe de arquivo

O Pleno acordou prorrogar por 6 meses máis o contrato do servizo público de auga potable coa empresa Espina e Delfín, asinado inicialmente o 17 de agosto de 1992. Tras as distintas prórrogas, agora a data de vencemento do novo acordo queda fixada en febreiro de 2023.

Tamén recibiu a unanimidade dos asistentes o nomeamento de José Caramés Vázquez como novo xuíz de paz do Concello de Brión, mentres que o posto de xuíz de paz substituto foi declarado deserto por non terse presentado ningunha persoa.

O Pleno municipal tamén acordou a actualización anual da taxa de saneamento e depuración, que será do 85% do IPC de abril de 2021 a 2022, tal e como figura o contrato. Finalmente, aprobouse un recoñecemento extraordinario de crédito de 5.038,27 euros para o pago de facturas de exercicios anteriores e que foron presentadas en marzo e abril de 2022.

Rogos e preguntas

Na quenda de rogos e preguntas, o PP pediu medidas de seguridade viaria para o tramo da AC-543 ao seu paso por Gundín. O alcalde, Pablo Lago, explicou que “estamos falando dunha estrada da Xunta e xa lle transmitín esa necesidade á conselleira de Infraestruturas nunha reunión mantida o ano pasado. Teño pedida unha nova reunión para as próximas semanas, esperemos que me faga máis caso porque, xunto coa rotonda do Tremo nesa mesma estrada, son dous puntos negros deste municipio”.

Así mesmo, o alcalde manifestou ser consciente de que vehículos de gran tonelaxe evitan a recta de Bastavaliños para non atoparse cos redutores de velocidade, circulando por pistas paralelas que non están preparadas para o paso deste tipo de vehículos. “Xa temos o sinal encargado de limitación a 3.500 quilos, salvo residentes, e agardamos poder colocalas nos próximos días”, adiantou Pablo Lago.

Ubanizacións

Pola súa banda, o BNG centrou as súas preguntas sobre o servizo de limpeza municipal, especialmente na urbanización Montebalado. Pablo Lago explicoulles que “todo o que se dixo sobre a situación en Montebalado foi sempre na mesma dirección”. Así, o secretario municipal confirmou que o sistema empregado ata o de agora para acometer a limpeza e mantemento de zonas verdes no concello a través de traballadores temporais está prohibido dende decembro de 2021.

“Como non damos chegado a limpar cos nosos medios propios, traballamos para licitar o servizo de limpeza e axardinamento das zonas verdes do municipio. Foi entón cando os técnicos alertaron de que se estaba actuando en zonas que, segundo o planeamento, non eran de titularidade pública. Falamos cos veciños e abrimos un período de alegacións ata fin de ano para xustificar esa titularidade ou ver de facer algunha permuta”, explica Pablo Lago.    

Ante a insistencia do BNG sobre as razóns que motivaron esta decisión, Lago Sanmartín asegurou que “a un ano de eleccións non ía facer algo así se non fose certo. Estamos abertos a falar con quen sexa pero sempre aténdonos á legalidade”. Por primeira vez en anos, o pleno contou coa presenza de público con representantes dos veciños/as da urbanización, ás que o alcalde deu voz unha vez rematada a sesión plenaria. Unha ocasión na que se reiteraron os termos acordados na reunión mantida polo alcalde e a veciñanza de Montebalado. O alcalde permitiu tamén que quedaran os representantes dos outros partidos a escoitar as declaracións das veciñas.      

Patrimonio

Finalmente, o BNG preguntou por outros dous temas recorrentes: a situación do patrimonio cultural e a falta de efectivos na Policía Local. A voceira municipal socialista, Sandy Cebral, informou de que no recente roubo dunha figura no Pazo de Casal, “a Policía Local chamou á propietaria, que se comprometeu a poñer unha demanda aínda que a día de hoxe non o fixo. Pero, como xa lle dixemos noutras ocasións, están a falar de patrimonio privado, polo que o Concello non ten competencias aí”.

Porén a concelleira destacou que “desde o Concello nos puxemos en contacto con Patrimonio da Xunta para ofrecer a nosa colaboración e se nos dixo que podiamos inventariar o patrimonio privado no PXOM, algo que xa está feito pero ao ser a nivel privado non podemos facer nada máis”. Iso si, a conselleira faloulles dunha iniciativa posta en marcha polo Concello de Brión: o club de Acción Patrimonial. “É un proxecto sociocultural para traballar coa rapazada e coa veciñanza de Brión e facela partícipe da posta en valor do noso patrimonio e na importancia de conservala correctamente”, indicou Sandy Cebral. De feito, xa se ten producido unha charla dun veciño no CEIP de Pedrouzos, xa se teñen celebradas varias reunións do club, que nos próximos días sairá a coñecer as alfombras florais dos Ánxeles, e está prevista outra xornada co colexio nas Torres de Altamira, esta sesión en colaboración coa Deputación da Coruña.

Finalmente, sobre a situación da Policía Local, a voceira municipal socialista lembrou que “as dúas prazas sen ocupar forman parte da Oferta Público de Emprego que se aprobará a semana que vén. O Concello xa delegou na Axencia Galega de Seguridade a celebración das probas de selección, que terán lugar en setembro”. Sobre a posibilidade de contar ata entón cun axudante de policía local, o alcalde explicou que “xa preguntamos e estamos na mesma situación, ata setembro, nada”. 

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies