Bisbarra, 9 de febrero do 2024 – O concello de Brión aproba en pleno o destino dos fondos da Deputación asociados aos Plans de Obras e Servizos 2024.
A proposta de alcaldía, debatida nunha sesión extraordinaria, saíu adiante cos votos a favor de PSOE e BNG, e coa abstención do PP. O concello destinará 888.988,77 euros a obras (194.131,38 euros do POS+2024 e 694.857,39 euros do Plan Complementario) e 202.620,17 euros a gasto corrente.
A Achega Provincial 2023, destinada a investimentos financeiramente sostibles, será investida integramente en dous proxectos: “Melloras no núcleo de Tourís” (138.761,76 euros) e “Pista en Brans de Abaixo e outros” (55.369,62 euros).
No caso dos accesos a Tourís, na parroquia da Luaña, o Concello de Brión vai anchear en 2,5 metros a estrada de acceso a esta aldea, mellorando a capa de rodaxe con 6 centímetros de aglomerado en quente ao longo tanto dos seus 105 metros de lonxitude como en 221 metros cadrados de entronques con outros viarios.
Para poder ampliar eses 2,5 metros será preciso construír un muro de 105 metros. Na marxe da estrada construirase tamén unha beirarrúa de 105 metros e cun ancho de 1,7 metros, previa canalización das augas pluviais coa colocación de 265 metros de tubaxe, 3 pozos de rexistro e 11 arquetas con sumidoiro. Uns traballos que teñen un prazo de execución de seis meses.
O segundo proxecto do POS+2024 inclúe tres actuacións, en Brans de Abaixo (Brión), Chave da Ponte (Bastavales) e A Torre (Brión). O Concello pavimentará con 6 centímetros de aglomerado en quente, previo bacheo con grava e tratamento asfáltico semiprofundo, unha pista en Brans de Abaixo e os accesos á aldea de Chave da Ponte.
A maiores, mellorará os 820 metros da pista que une A Torre coa igrexa de San Fins con tratamento asfáltico superficial e rego de selado, previo arranxo de fochancas e amaño de mordentes. As obras teñen un prazo de execución de seis meses.
Plan complementario
Aprobouse tamén o Plan Complementario por 694.857,39 euros para tres proxectos. Por unha banda a construción dunha senda na aldea Chave da Ponte (141.539,35 euros);en segundo lugar a mellora dos accesos a Lamiño (93.082,90 euros) e a mellora da estrada entre Coruxido e Sabaxáns (265.838,85 euros) e construción dunha senda peonil entre as aldeas de Cantalarrana e O Cabo (204.396,29 euros).
Gasto social
O Pleno municipal tamén aprobou o POS+Adicional 1/2004 para o financiamento de gastos sociais extraordinarios por un importe de 71.522,09 euros. Unha iniciativa que foi aprobada cos votos a favor do PP e do PSOE, coa abstención do BNG.
Finalmente aprobouse un recoñecemento extraxudicial de créditos para o pago de facturas correspondentes ao exercicio 2023 e que se presentaron no primeiro mes de 2024 e ratificou a sinatura do convenio de colaboración entre a Deputación da Coruña e o Concello de Brión para a execución da ampliación do pavillón municipal de deportes de Pedrouzos.