Trátase das horas extras do Grupo de Emerxencias e Salvamento, GES, en compensación polo horario de verán. Unha cantidade na que non están contabilizados os dous últimos anos.

O xulgado do social de Compostela ven de condenar ao concello de Brión a pagar 165.000 euros aos traballadores do GES. Unha cantidade en concepto de horas extras non aboadas, en compensación por non poder desfrutar a xornada reducida no verán, como fai o resto de persoal do concello.
A sentenza recoñece un exceso de xornada anual de entre 200 e 300 horas por cada bombeiro do GES e en consecuencia obriga ao concello a retribuír este exceso de xornada e a tomar medidas que impidan a imposición de horas extras estruturais, práctica prohibida expresamente pola lei.
Desde o sindicato lémbrase que “son os as horas referidas aos anos iniciais da constitución sindical no concello, aínda quedarían por resolver as demandas relativas aos últimos anos, que calculamos que poidan alcanzar outros 200.000 euros en conxunto”.
Para poder evitar máis recargos nestas cantidades (un 10% anual) desde a CNT ínstase ao concello a “cumprir inmediatamente esta sentenza e aboar as cantidades aínda pendentes sen necesidade de acudir a un xuízo cuxo resultado é evidente e que so se demora como represalia contra o persoal e, quizais, para aumentar os gastos xurídicos aboados a un despacho privado”.
Esta práctica empresarial por parte do concello co GES, que xa fora avisada hai tres anos da súa ilicitude por parte da Inspección de Traballo, pode supoñer, segundo a CNT, unha evidente “prevaricación e malversación, xa que se o concello cubrise a xornada con traballo ordinario (para o que tería que contratar dous bombeiros máis ) o custo salarial reduciríase nun 20%, sen falar dos xuros derivados dunha inequívoca vontade dos alcaldes de non cumprir a lei”.
Así mesmo, recordan que “o mesmo se pode dicir da práctica de externalizar os servizos xurídicos nun despacho privado cando o concello goza de asistencia xurídica por parte da Deputación”.

