Brión, 22 de febreiro do 2018 – Unanimidade no pleno de Brión para aprobar os Orzamentos Municipais para este ano que superan os 6 millóns de euros, con máis de 850.00 € destinados a investimentos.
O alcalde, José Luís García dixo dos orzamentos que “son sociais e esperanzadores, os primeiros dos que nos podemos sentir orgullosos despois de bastante tempo”. Neste sentido, o alcalde brionés salientou que “caracterízanse polo seu importante contido social e inversor, pois axudan aos máis necesitados, contribúen a crear emprego e a dar mellores servizos aos nosos veciños e veciñas”.
Emprego
O gasto en servizos sociais medra nun 16%, pasando dos 440.460 euros de 2017 ao 511.037 euros de 2018. Así mesmo, García indicou que “un dos problemas máis importantes que segue habendo a nivel de Estado é o paro, por iso para promoción do emprego pasamos de 26.600 euros a 157.774 euros, so coa parte do Concello, pois non contamos as achegas da Deputación a través de programas como o Plan de Emprego Local”. “Isto, unido á creación dun espazo colaborativo para o 2018 fan que manexemos unhas cifras realmente alentadoras que facilmente suporán un incremento do 400%”.
O alcalde brionés tamén apuntou que “se aumentan as subvencións ás asociacións de contido deportivo e social” mentres que a partida de investimentos “alcanza en 2018 unha cifra superior aos 850.000 euros, o que representa unha subida de case o 23% con respecto ao ano anterior”. En concreto, o capítulo de investimentos ascende a 850.534,63 euros, un 22,78% máis cos 692.738,79 euros de 2017. Un capítulo no que destacan proxectos financiados pola Deputación da Coruña, entre eles as melloras nas aldeas de Vilanova e Estrar, a conexión da rede de abastecemento de auga da Luaña coa rede xeral ou a substitución da cuberta do pavillón polideportivo de Pedouzos. Do total do capítulo, 351.563,72 euros son financiados a través de recursos propios do Concello de Brión.
Gastos e ingresos
O último punto no que fixo fincapé García foi no capítulo de gasto de persoal, que medrará un 2%, “porcentaxe que esperamos que o Goberno nos deixe subir na mesma porcentaxe que os Orzamentos do Estado establezan”. Así mesmo, o alcalde adiantou que “está en elaboración a Relación de Postos de Traballo dos laborais e a subida que representa calculamos que poderá entrar en vigor a mediados de ano”. Os gastos de persoal suman 2.157.481,07 euros, fronte ao 5.183.409,04 euros de 2017.
O Capítulo II (gastos correntes en bens e servizos) medra un 0,65% ata os 2.483.212,86 euros; mentres que o Capítulo III (gastos financeiros) diminúen considerablemente (un 81,05%) como consecuencia da amortización total dos préstamos con entidades financeiras que se levou a cabo no exercicio 2017. As transferencias correntes medran un 12,33% ata os 615.335,38 euros, cuxa maior parte vai destinado a facer fronte aos compromisos adquiridos como membro da Mancomunidade Serra do Barbanza, así como os mencionados incrementos nas subvencións educativas, deportivas, sociais, axudas de emerxencia, axudas á escolarización e ao pago de medicamentos a enfermos crónicos.
Finalmente, no capítulo de ingresos os impostos directos diminúen nun 8,71% mentres que os indirectos se prevé que medren un 16,88% grazas ao aumento dos ingresos polo Imposto sobre Construcións Instalacións e Obras. O capítulo II (taxas e prezos públicos) redúcese nun 0,93%. As transferencias correntes baixan un 4,96% e no capítulo VI recóllese o alleamento dunha parcela municipal. Para este exercicio non está prevista ningunha operación crediticia.
Apoio da oposición
O voceiro do Partido Popular, David García Arcos, xustificou o voto favorable da súa formación en que “aumenta o gasto social e en emprego. Son uns orzamentos bastante bos e manteñen a estabilidade orzamentaria”. Pola súa banda, o voceiro do BNG, José Luís Penas Corral, considerou que son “uns orzamentos que poden ser votados en positivo” e valorou “o crecemento en partidas sociais e que se poñan as rodas do futuro auditorio, que é algo que nos alegra”.
O alcalde brionés agradeceu o voto favorable dos dous grupos municipais e anuncioulles que “o remanente de tesourería do Concello de Brión é de case 2 millóns de euros, sen estar aínda pechado o resultado do orzamento do 2017” e convidou aos dous grupos municipais a unha reunión para ver que se pode facer con ese remanente. “Non sei se poderá ir aquí o auditorio pero a nosa intención é poñer en marcha este proxecto canto antes, pois é algo que nos quedaba por ofrecer aos nosos veciños e veciñas”, explicou José Luís García.