займ срочно

Brión aproba os Orzamentos de 2023

0

Bisbarra, 30 de marzo do 2023 – O Pleno Municipal de Brión aprobou os Orzamentos Municipais para 2023, e que ascenden a 7.270.728,30 euros, un 2,62% máis ca en 2022.

A voceira municipal destacou que os orzamentos de Brión “aumentan o gasto social e incrementan a inversión en educación, mobilidade, seguridade e deporte, sen aumentar impostos nin endebedarse”. As contas saíron adiante co voto a favor do PSOE e o PP, e a abstención do BNG.

Sandy Cebral agradeceu o traballo dos concelleiros do grupo de Goberno e do persoal municipal na elaboración “duns orzamentos realistas, viables e que darán solución ás necesidades dos veciños e ás peticións que nos fixeron chegar, algunhas como poden ver achegadas tamén polos grupos da oposición”.

A voceira destacou a recuperación de partidas como as dedicadas a financiar unha liña municipal semanal de transporte ata o centro de saúde ou a creación dunha nova partida para a convocatoria de axudas de apoio ao ensino.

Máis de 600.000 € de inversión de recursos propios

Nas contas os gastos de persoal medran un 6,06% con respecto ao exercicio 2022, chegando aos 2,81 millóns de euros. A partida destinada a gasto corrente en bens e servizos ascende a 2.987.619,31 euros, o 41,09% do orzamento total, para o mantemento dos servizos básicos. Tamén se recollen 25.411,66 euros para o obradoiro dual de emprego 2022-2023 Renova V para a instalación fotovoltaica de Lens, titularidade de Ames e Brión.

O Capítulo VI de Investimentos Reais suma 791.891,92 euros, dos que o Concello de Brión achega 622.411,68 euros de fondos propios, un 1,98% máis ca en 2021. Neste capítulo contémplanse os 169.480,25 euros dos POS+2023, que se destinarán a un proxecto de mellora da estrada que une a rúa Gondar co límite do municipio.

Tamén se inclúen 247.972,81 euros do proxecto de mellora da eficiencia enerxética do alumeado público, “que consideramos prioritario e urxente para conter os gastos de consumo eléctrico”, apunta Sandy Cebral.

Debate

Imaxe de arquivo dun pleno en Brión

O voceiro do BNG, Xosé Luís Penas, xustificou a abstención do seu grupo novamente en que “os orzamentos se volven presentar fóra de prazo e non se contou cos grupos políticos para a súa elaboración”. Aínda que recoñeceu a alta execución que alcanza o Concello de Brión nos seus orzamentos (superior ao 80’% en 2021).

Un punto ao que Sandy Cebral respondeu que este orzamento é “realista e adaptado ás necesidades dos veciños, a quen busca solucionar problemas e proporcionarlles os mellores servizos, non venderlles discursos políticos”.

Pola súa banda, a voceira do PP, María Fariña, votou a favor das contas, agradecendo que incluíran algunhas das peticións realizadas polo seu grupo municipal no Pleno.

Remanente

O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, agradeceu “o ton construtivo do debate, o que tamén quere dicir que tanto non lles desgustaron estes orzamentos”. Así mesmo, pechou a sesión adiantando as inversións que o Concello de Brión vai acometer no 2023 con cargo ao remanente de Tesourería.

As achegas máis importantes irán destinadas á mellora do saneamento de Gundín, Gándara, Sabaxáns, Brans de Abaixo, Outeiro, Sanín e Guitiande, así como das rúas Santiago e Lameiras. “É unha aposta importante para cubrir unha das necesidades básicas dos veciños como é o saneamento, aínda que non sexan unha obras que se vaian ver”, apunta Pablo Lago.

Outros investimentos significativos son a construción dunha pista deportiva nos Ánxeles e o polideportivo municipal, o arranxo dos parques infantís de Sabaxáns, Vioxo e Bastavales, así como a creación dun novo en Nináns (Luaña). Tamén se instalarán paneis solares nos edificios municipais e se instalarán puntos de recarga de vehículos eléctricos, ademais de arranxar o teito da gardería municipal.

Así mesmo, o Remanente financiará importantes investimentos en pavimentado de núcleos de poboación (empezando por Tourís, Coruxido, Sabaxáns…) e a instalación dun novo alumeado público na carballeira de Santa Minia e no Paseo do Río Pego. Tamén se habilitará unha área para caravanas e se construirá un área especial para que os cans poidan correr soltos a carón do actual parque canino, que seguirá co seu circuíto de Agility).

Pablo Lago destacou que “este Remanente se vai gastar en proxectos para que os veciños e veciñas de Brión teñan os mellores servizos, non para vender nunhas eleccións. Se quixera facelo para gañar as eleccións, tería sacado a licitación os 605.000 euros do proxecto de mellora da AC-543 que asinamos coa Xunta de Galicia e que estaría rematado para antes das eleccións. Pero como estamos falando da primeira zona na que se instalou o saneamento en Brión, temos que solucionarlle a problemática aos veciños, que contan cunha rede moi antiga e en formigón. Isto suporá un investimento previo de 300.000 euros para mellorar o saneamento na zona”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies