Bisbarra, 30 de agosto do 2022 – O concello de Brión ven de renovar a súa imaxe corporativa e substituíra na maioría das comunicacións e actos o escudo anterior que databa do 2009.
O concello seguir´ça usando en algúns actos oficiais o escudo heráldico realizado no 1984 por Jaime Bugallal. Na imaxe que ata ao de agora se usaba podíase distinguir a letra B nunha torre, facendo referencia a o enclave de Altamira. Esa imaxe fora elixida, no 2009, por medio dun concurso ao que se presentaran máis de cen propostas.
Os cambios dos últimos anos, en especial no plano dixital, obrigaban a un cambio de logotipo que fora aplicable a todos os ámbitos municipais. O obxectivo era unha nova imaxe corporativa que servira tanto para a sinaléctica e os documentos ou mobiliario urbano como para o mundo dixital.

Outro dos obxectivos é unificar a identidade do Concello para facelo máis próximo e recoñecible cara a veciñanza e evitar así as imaxes confusas da institución. Ata a data o símbolo empregado non dispuña de manual de identidade gráfica e convivía con multitude de variantes diferentes. Con esta nova marca as comunicacións do concello dotaranse de coherencia interna e carácter propio o que axudará a comunicar mellor.
Nesta nova imaxe recóllense sintetizados varios dos elementos mais representativos de Brión: a Torre de Altamira, os rios Tambre e Sar e a ondulación propia do relevo paisaxístico municipal que tamén representa a división natural do municipio nas dúas zonas, a alta na vertente do Tambre e a baixa que forma o val da Amaía.
Cabe destacar tamén que este cambio de imaxe non supuxo ningún gasto para as arcas municipais xa que foi deseñada internamente por técnicos municipais que, ademais de crear esta imaxe, traballaron nas súas diferentes adaptacións construíndo un manual de identidade corporativa onde se recollen os datos técnicos e de uso que deben seguirse para a súas correctas utilizacións.
O proceso de implantación da nova imaxe comezará a facerse inmediatamente despois da súa presentación diante da veciñanza e seguirase realizando de xeito paulatino, comezando polas dependencias do concello para ir despregándose pouco a pouco por todos os ámbitos municipais.