Bisbarra, 28 de febreiro do 2022 – Brión, Muros e Noia aprobaron unha moción presentada nos tres concellos polo BNG que pide unha reunión da Mancomunidade Serra do Barbanza.
A intención dos nacionalistas coa presentación das mocións é que, en esa reunión demandada, Serra do Barbanza solicite de xeito formal a axuda da Deputación da Coruña no desenvolvemento do seu modelo de xestión.
Novo contrato con novos pregos
A iniciativa xorde ante a cercanía do remate do contrato coa actual concesionaria o vindeiro ano. O BNG quere que o ente provincial colabore no deseño dos novos pregos de contratación e na realización dun estudo de viabilidade da planta.
Os nacionalistas sinalan a necesidade de que se coñeza con exactitude a situación financeira da Mancomunidade para poder abordar a posible inclusión de novos membros. Concellos como Ames, Outes ou Rianxo, teñen manifestado o seu interese de participar do modelo de reciclaxe da planta de Servia, máis, para que iso fose posible, é imprescindible coñecer as condición de adhesión e as posibilidades de dimensionamento da planta.
O texto aprobado tamén explora a colaboración provincial para a mellora de equipamentos na planta, comezando pola máquina volteadora, tan solicitada polo persoal do complexo, para mellorar a eficacia no tratamento do lixo orgánico.
Solicitude da Mancomunidade
Desde o BNG sinalan que xa teñen mantido contacto coa Deputación e, aseguran a disposición desta institución a prestar axuda sempre e cando sexa a propia mancomunidade quen a solicite.
Esa necesidade foi tamén o que impulsou a presentación das mocións agora aprobadas. A responsable da formación nacionalista na Xunta Reitora do ente supra municipal, María Lago, afirmou que “aínda que a moción vai ser rexistrada tamén nos concellos de Porto do Son, Carnota e Lousame, agardamos que a premura na reacción do presidente da mancomunidade, o socialista Juan Manuel Saborido, alcalde de Carnota, para convocar a asemblea, faga innecesario o seu debate en máis sesións plenarias”.