Brión, 19/09/2026 – Todo listo en Brión para celebrar este domingo 20 de setembro unha nova edición da Feira Labrega. A praza das polbeiras, a carón da carballeira de Santa Minia, acollerá 20 postos de emprendedores de Brión e da contorna que exporán e venderán produto fresco (hortalizas, froitas de tempada…) e elaborado (conservas, queixos, repostería artesanal, elaboracións caseiras, filloas, rosquillas, castañas asadas…), artesanía, xabóns naturais, libros, artigos de segunda man…

Estes vinte postos inscritos na Feira Labrega de Brión estarán operativos entre as 11:00 e as 20:00 horas, cun programa paralelo de obradoiros para a rapazada e degustacións para as persoas adultas. Ademais, durante toda a tarde contarán co acompañamento musical das Escolas de Música e Bailte Tradicional do Concello.
A Feira Labrega está organizada polo Concello de Brión e conta coa colaboración da Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Unión Europea, Xacobeo 2027, GDR Terras de Compostela, Xeodestino Terras de Santiago, Fundación Daniel & Nina Carasso e da asociación Daquídarredor.
Degustacións e obradoiros
Ás 11:30 horas haberá obradoiros gratuítos para a rapazada, onde aprenderán a elaborar pratos con produtos locais de Brión e da contorna. Eses mesmos produtos serán a base da degustación gratuíta dirixida polo cociñeiro José Manuel Mallón e que terá lugar ás 13:00 horas.
Unha degustación na que preparará cinco elaboracións diferentes: ensalada de pataca con pepino encurtido e mexillón de Galicia; filloa rechea de queixo con peixe encurtido e marmelada de mazá; brioche de roastbeef de tenreira con tomate confitado e remolacha con mostaza; tarta de queixo ao forno, cabeza e marmelada de arandos; e xeados artesáns elaborados con cremas de laranxa, limón e mazá procedentes das cociñas colaborativas do coworking de Brión.
Ás 17:30 horas haberá unha segunda degustación, nesta ocasión a cargo de Xearte Brigitte, que fará unha cata de xeados elaborados con produtos transformados no coworking “Transformando en Brión”.
Guarina Rey, concelleira de Promoción Económica de Brión e presidenta do GDR Terras de Compostela, salienta que “o obxectivo desta feira é poñer en valor o noso sector primario, promovendo a venda de produtos locais e sostibles, á vez que lle damos unha maior visibilidade ao noso coworking, xa que moitos dos produtos que se poderán mercar e degustar nesta feira o domingo teñen a súa orixe nas cociñas colaborativas do Concello de Brión”.
