Bisbarra, 27 de outubro do 2023 – Augas de Galicia efectuou unha visita aos terreos onde se pretende ubicar unha central de bombeo na parroquia de Cornanda, no concello de Brión.
Por este motivo a comisión de seguimento de este proxecto mantivo unha asemblea xeral para que o alcalde de Brión e presidente, Pablo Lago, e o asesor xurídico explicaran os obxectivos de esta visita e reiterar a oposición á central de bombeo.
Pablo Lago, informou aos presentes sobre o trámite levado a cabo o pasado 18 de outubro por Augas de Galicia. A visita serviu para o recoñecemento do terreo e así confrontar os documentos técnicos presentados no expediente para a concesión dun aproveitamento hidroeléctrico no río Tambre.
Tanto Lago como o asesor xurídico da Comisión de Seguimento explicáronlle aos asistentes que este trámite de recoñecemento do terreo está previsto no artigo 111 do Regulamento do Dominio Público Hidráulico: “O Organismo de conca, ultimada a tramitación anterior, citará con antelación suficiente a todos os interesados ao acto de recoñecemento sobre o terreo, para confrontar o documento ou documentos técnicos presentados, do que se levantará acta detallada, que subscribirán os asistentes”. Unha acta que aínda non foi recibida nos concellos de Brión e Negreira.
O asesor engadiu que agora é Augas de Galicia quen ten que emitir informe sobre os documentos técnicos presentados polas empresas e a viabilidade da súa execución, así como informar sobre as reclamacións necesarias, tras o que deberá abrir un trámite de audiencia aos interesados.
Apoio aos veciños
Pablo Lago insistiu en que a posición do Concello de Brión é a mesma dende o principio e que está recollida na primeira liña do documento de alegacións, onde manifesta “o máis absoluto rexeitamento ás iniciativas do aproveitamento da auga que se interesan, que levarán a unha alteración irreversible do medio natural, económico e social, condicionando – e mesmo chegando a facer desaparecer o estilo de vida rural imperante na zona por mor da execución da Central Hidroeléctrica Reversible do Tambre que se pretende implantar”.
Neste sentido o alcalde de Brión compartiu a intranquilidade da veciñanza e reafirmou que “estamos ao voso lado. Isto é algo que nos trouxeron e faremos todo o que legalmente poidamos para que non saia adiante”, lembrando que “as portas do concello están abertas para atendelos porque este é o concello de todos e estamos á vosa disposición”. Como exemplo, un dos presentes apuntou a posible existencia dunha falla na zona, polo que o Concello solicitará orzamentos para estudar a posibilidade de realizar un estudo xeolóxico na zona.
A Comisión de Seguimento está presidida polo alcalde de Brión e integrada por 8 veciños e veciñas de Cornanda, un representante de cada grupo político municipal (PSOE, PP e BNG), un asesor técnico e un asesor xurídico, se ben á asemblea xeral poden asistir calquera veciño e veciña afectado/a.