Bisbarra, 28 de setembro do 2023 – Brión viviu este mércores o día grande de Santa Minia coa participación de milleiros de romeiros e autoridades de todos os partidos e institucións.

Pese ás previsións, Santa Minia non sufriu chuvieiras o que axudou a desfrutar da romaría. Na noite do martes, Día de Vésperas, a afluencia de público á tirada de fogos de artificio en Santa Minia foi excelente, antesala dun día grande de aforo completo.
As visitas ao santuario comezaron ás nove da mañá e desenvolvéronse con colas, pero sen esperas. Milleiros de devotos cumpriron coa tradición de bicar o sepulcro onde repousa a santa e pasar sobre el as típicas estampiñas de Santa Minia para que lles dean sorte durante todo o ano.
Coma en anos anteriores, e por razóns de seguridade, as candeas de ofrenda que traían os romeiros non foron depositadas na capela senón na casa reitoral, onde teñen lugar as misas. Unhas figuriñas de cera con formas de mans, brazos, cabezas, pernas… de acordo con aquela parte do corpo na que pidan a actuación de Santa Minia e que os devotos presentaran minutos antes diante da Santa, tras mercalos nos postos que rodean a capela.
Romaría con novidades
Para evitar sobrecargar a carballeira con actividades, o Concello de Brión mantivo os cambios de emprazamento que tan bo resultado deron en edicións anteriores. Así, as atraccións infantís trasladáronse ata a finca fronte ao centro social polivalente, de onde partían os máis dun cento de postos de venda de rosquillas, roupa, chourizos, queixos, xamón ibérico, larpeiradas, licores, filloas, ferramentas, pulseiras, velas, imaxes relixiosas, música, zapatos, xeados…, así como varios food-tracks.
Así mesmo, as orquestras trasladáronse a una parcela próxima ás polbeiras, para facilitar a instalación dos palcos e evitar danos na carballeira. Cinco polbeiras que estiveron cheas desde a súa instalación, na noite do venres ao sábado, non deixaron de vender racións de polbo e de churrasco, a uns prezos medios de 13 euros.

O alcalde de Brión, Pablo Lago, agradeceu o “extraordinario traballo que están a realizar os traballadores municipais, así como os membros de Protección Civil, Policía Local, Garda Civil, tanto de Brión como chegados doutras localidades, así como do persoal médico para que as festas se desenvolvan dentro da normalidade e sen ningunha incidencia”. Lago Sanmartín guiou pola Romaría á comitiva oficial composta por Pedro Blanco Lobeiras, delegado do Goberno en Galicia; Gonzalo Trenor López, delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña; Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña; José Blas García Piñeiro, alcalde de Ames; José Antonio Pereira Gil, alcalde da Baña; Francisco Xabier Castro Tourís, alcalde de Dodro; Manuel Ángel Leis Míguez, alcalde de Negreira; Bernardo Fernández Piñeiro, alcalde de Pontedeume e Diego Luís Díaz Méndez, alcalde de Val do Dubra. Tamén asistiron os concelleiros socialistas de Brión Carlos Noya Pereira, José Antonio Vidal González e Rosa Romero Fariña, así como a concelleira popular María Fariña Bellón.
