займ срочно

A Deputación financiará a ampliación do pavillón de deportes de Pedrouzos en Brión

0

Bisbarra, 4 de abril do 2023 – O concello de Brión ven de conseguir o apoio económico da Deputación da Coruña para as obras de ampliación do pavillón polideportivo de Pedrouzos.

O alcalde, Pablo Lago, mantivo unha reunión co delegado de economía do organismo provincial, Antonio Leira, quen comprometeu 150.000 euros para os traballos no pavillón. O custo total do proxecto aprobado no pleno brionés ascende a 540.346,086 euros.

Pablo Lago agradeceu o compromiso da Deputación da Coruña “pois estamos falando dun proxecto moi necesario pois o actual polideportivo quedou pequeno e precisamos construír un segundo recinto que servirá tanto para a práctica deportiva como para acoller actividades culturais e educativas organizadas polo Concello, así como para o desenvolvemento de iniciativas do CEIP de Pedrouzos e o IES de Brión”.

O proxecto inclúe tamén a construción dunha  pérgola de acceso á nova ampliación, que protexerá tamén da choiva ao alumnado de ambos centros escolares tanto cando teñen que agardar polos autobuses de volta a casa como nas chegadas aos colexios durante a mañá.

Agradecemento á Deputación

O alcalde de Brión agradeceulle ao deputado delegado de Economía, Facenda, Especial de Contas, Persoal e Réxime Interior a confirmación de que a Deputación da Coruña ten consignados 150.000 euros para este proxecto, de modo que o convenio de colaboración entre o Concello de Brión e a Deputación da Coruña poderá ser asinado “en canto presentemos a modificación de crédito con cargo ao Remanente de Tesourería que xa anunciamos cando aprobamos os orzamentos de 2023”.

De feito, o alcalde brionés puntualiza que “se non quixemos incluír este proxecto nos Orzamentos de 2023 era porque aínda non tiñamos confirmado que a achega da Deputación se podería facer efectiva este ano, polo que tomamos a decisión de deixalo fóra dos Orzamentos. Agora que a Deputación da Coruña confirma a concesión desta subvención nominativa en favor do Concello de Brión, só teremos que incluír o orzamento preciso nunha modificación de crédito e aprobala en Pleno”.

Proxecto de ampliación

O proxecto de ampliación do pavillón municipal de deportes de Pedrouzos inclúe a construción dun segundo recinto de 630 m2 a carón do actual polideportivo e que será utilizado tanto para a práctica deportiva como para a realización de actividades culturais e/ou educativas por parte do colexio, do instituto ou do propio Concello de Brión. O novo inmoble contará cunha capa impermeabilizante e con paneis absorbentes acústicos, polo que manterá unha boa temperatura e unhas condicións axeitadas para a práctica de calquera tipo de actividade cultural, social ou deportiva.

O proxecto inclúe tamén a construción dunha pérgola de acceso á nova ampliación, de 128,77 m2, que protexerá da choiva tanto ás persoas usuarias desta instalación como ao alumnado do CEIP e do IES que utilizan os autobuses escolares para achegarse ou marchar do centro durante a xornada de mañá. O alcalde lembra que “o proxecto está adaptado ás medidas máximas da parcela que temos e non imos levalo a outro lado porque queremos que esta nova instalación teña un carácter complementario para as familias de Brión”. Así, na mesma contorna estarán emprazadas a piscina municipal cuberta, a pista de pádel, o campo municipal de fútbol, o actual polideportivo municipal e a súa futura ampliación.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies