Bisbarra, 14 de novembro do 2024 – O Concello de Brión, en colaboración coa Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas, convoca o VII Premio Laudamuco para Textos Teatrais.

O Laudamuco é o galardón teatral de maior dotación económica dos convocados en Galicia, 7.000 euros e edición da obra gañadora a cargo de Edicións Positivas. O alcalde Pablo Lago, explica que “convocamos este premio coa intención de estimular e apoiar a creación dramática en lingua galega e para contribuír ao recoñecemento de Roberto Vidal Bolaño”.
O premio toma o seu nome en homenaxe a “Laudamuco, señor de ningures”, obra de Vidal Bolaño estreada o 16 de maio de 1978 pola compañía Antroido e coa dirección de Eduardo Alonso, considerada o inicio da pofesionalización do teatro galego.
Poderán optar a este galardón todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten unha obra dramática inédita e nunca antes premiada, sempre que estea escrita en lingua galega. O tema e a extensión da obra son libres e o prazo de admisión de orixinais, que deben presentarse exclusivamente en formato dixital, rematará ás 23:00 horas do 29 de xaneiro de 2025.
Presentación de orixinais
Para participar, as persoas interesadas deberán enviar un correo electrónico a premiolaudamuco@concellodebrion.gal, indicando no “Asunto” o texto “VII Premio Laudamuco” e anexando dous arquivos: o texto da obra coa que se concursa en formato PDF (que levará o seguinte nome: “Título da obra e pseudónimo ou lema elixido”, e non poderá conter ningunha clase de sinatura ou identificación da autoría) e unha plica en PDF (co nome: “Plica. Título e pseudónimo ou lema elixido” e que conteña os seguintes datos: título, pseudónimo, lema e datos da autoría como nome completo, DNI, móbil, outros teléfonos, mail e breve currículo).
O xurado do premio estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito da arte teatral, proposto pola Academia Galega de Teatro. Actuará como secretario/a a persoa elixida por maioría entre os membros integrantes.
Na proposta de resolución do xurado haberá unha única obra gañadora. Unha vez emitida a súa resolución, procederase á apertura da plica gañadora nun acto público que terá lugar na terceira semana do mes de abril. O veredicto do xurado, que poderá declarar deserto o premio, será inapelable.
A entrega do IV Premio Laudamuco terá lugar o 16 de maio de 2025, no transcurso dun acto organizado polo Concello de Brión co gallo do 46 aniversario da posta en escena de Laudamuco, señor de ningures. Trala entrega e aceptación do premio, a Academia Galega de Teatro resérvase o dereito de facer unha lectura dramatizada do texto sen que iso supoña compensación económica para o/a autor/a premiado/a.
Nas súas anteriores edicións, este prestixioso galardón recaeu no gaditano José Luís Baños de Cos por “A porta. Un relato de violencia” (2024); o lucense Vicente Piñeiro por “Devólvenos a Xermánico” (2023); a teense Paula Carballeira Cabana por “Dentes de coello” (2022); o ribeirense Francisco Antonio Vidal Blanco por “A vinganza de Fortimbrás” (2021); no coruñés Raúl Dans Mayor por “Só un home bo” (2020); e no lucense Xavier Lama López por “Na miña alma ouvea un lobo” (2019).