Bisbarra, 25 de outubro do 2024 – O alcalde de Brión, Pablo Lago, ven de reunirse co Conselleiro de Educación, Román Rodriguez, e acordar a mellora das infraestruturas educativas do concello.

A Xunta e Brión asinarán un convenio marco que delimitará unha serie de actuacións, O documento concretará as obrigas de cada unha das partes. Ese acordo recollerá que a Xunta asumirá a contratación dun proxecto de reforma sectorial do Colexio CEIP Plurilingüe de Pedrouzos en base ás necesidades trasladadas polo Concello
Por outra banda a Xunta accederá á petición de cesión dunha parte da parcela do colexio de Brión para a construción dunha dársena de autobuses que mellore o servizo de transporte do alumnado.
No caso do IES de Brión, traballarase nun proxecto para a cubrición dos laterais do patio cuberto por parte do Concello mentres que a Xunta se compromete a facilitar o uso compartido de dito patio por parte da administración local fóra do horario lectivo.
O alcalde de Brión valorou a boa recepción destas iniciativas por parte do conselleiro e aproveitou tamén a reunión para trasladarlle as demandas da comunidade educativa brionesa sobre as necesidades de recursos humanos no CEIP de Pedrouzos.