Bisbarra, 23 de xaneiro do 2023 – O concello de Brión e a Xunta de Galicia investirán máis de seiscentos mil euros para converter a estrada AC-543 nunha nova rúa municipal.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Brión, Pablo Lago, asinaron o convenio que humanizará e cederá a vella estrada de Noia, AC-643, ao concello.
As obras suporán un investimento aportado nun 70% pola Xunta, é dicir, preto de 424.000 euros. O Concello, pola súa banda, achegará os 181.000 euros restantes e será o encargado de contratar e executar as obras. A maiores, Brión comprométese a asumir a titularidade do treito, a excepción da calzada e beiravía das glorietas, nos puntos de conexión con outras vías autonómicas, que seguirán sendo de titularidade da Xunta.
Humanizar Os Ánxeles
Pablo Lago agradeceu “o traballo e o compromiso co Concello e coa veciñanza de Brión” da conselleira Ethel Vázquez desde que comezaran as conversas no 2020. Lago engade que se trata dunha actuación “fundamental para humanizar o núcleo máis poboado de Brión e que será especialmente beneficioso para a veciñanza, tanto para os residentes como os que transitan pola contorna”.
Pola súa banda, Ethel Vázquez amosou a súa satisfacción por asinar un convenio “que supón sumar esforzos entre o Concello de Brión e a Xunta de Galicia para reforzar a seguridade viaria e mellorar a accesibilidade e a mobilidade dos veciños e veciñas de Brión”. Tamén salientou a importancia do cambio de titularidade da estrada “para evitar dificultades administrativas ao Concello e facilitarlle o día a día aos veciños”.
Detalle das obras
Os traballos céntranse nun tramo de 1,5 km identificado como treito de concentración de accidentes. Xunta e o Concello adoptarán medidas de calmado de tráfico necesarias para darlle unha funcionalidade adaptada ao dunha rúa municipal, en lugar dunha estrada.
A intervención ten como fin conseguir que a estrada AC-543 ao seu paso por Brión se converta nunha rúa, nunha vía máis humana ao servizo dos núcleos de poboación polos que pasa e con especial atención aos usuarios vulnerables. Para iso, as actuacións centraranse na ampliación e renovación das beirarrúas, sendo preciso para iso estreitar a propia calzada; na reposición da capa de rodaxe en ambos os dous carrís, beiravías e bandas de estacionamento; e na renovación da sinalización.
Na execución destas actuacións, e para non solapar nin duplicar traballo, o Concello deberá ter en conta as obras de mellora da accesibilidade e conexións das paradas de autobuses que está a impulsar a Xunta nas estradas da súa titularidade. A actuación programada pola Xunta prevé mellorar seis paradas de autobús que están situadas neste treito da estrada AC-543: en ambas as marxes no lugar do Tremo, na gasolineira do Tremo e no empalme de Liñares.