Bisbarra, 23 de outubro do 2023 – Brión presentarase ás axudas que convoca o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) para proxectos singulares de alumeado municipal.
Brión solicitará ao IDAE unha achega de 2.770.900 euros que terán que ser devoltos en dez anos. Estas axudas teñen un interese cero e o primeiro ano é de carencia polo que non se comezaría a pagar ata o 2025.
A solicitude foi aprobada por unanimidade no pleno municipal ordinario de outubro. O alcalde, Pablo Lago, explicou que o concello presentará ao IDAE unha memoria descritiva da necesidades do alumeado público aínda que lembrou que “Levamos tres anos presentándonos a estas subvencións sen éxito, agardemos que desta vez se acorden de Brión”.
Polideportivo de Pedrouzos
A unanimidade caracterizou toda a sesión, pois todos os puntos saíron adiante co respaldo dos tres grupos municipais e sen ningunha intervención ou debate, salvo na quenda de rogos e preguntas.
O Pleno aprobou un crédito extraordinario de 390.346,08 euros para a ampliación do polideportivo municipal de Pedrouzos. Para esta obra solicitouse no 2021 unha subvención de 150.000 euros na Deputación da Coruña que a entidade comprometeu para este ano.
O proxecto de ampliación do pavillón municipal de deportes de Pedrouzos inclúe a construción dun segundo recinto de 630 m2 a carón do actual polideportivo e que será utilizado tanto para a práctica deportiva como para a realización de actividades culturais e/ou educativas por parte do colexio, do instituto ou do propio Concello de Brión.
O novo inmoble contará cunha capa impermeabilizante e con paneis absorbentes acústicos, polo que manterá unha boa temperatura e unhas condicións axeitadas para a práctica de calquera tipo de actividade cultural, social ou deportiva.
O proxecto inclúe tamén a construción dunha pérgola de acceso á nova ampliación, de 128,77 m2, que protexerá da choiva tanto ás persoas usuarias desta instalación como ao alumnado do CEIP e do IES que utilizan os autobuses escolares para achegarse ou marchar do centro durante a xornada de mañá.
Outros temas
No resto da sesión, o pleno aprobou o cambio desta sesión ordinaria do mércores ao venres e a actualización da ordenanza fiscal reguladora da taxa polo subministro de auga dun 2,6%, correspondente ao IPC de agosto 2022 a agosto de 2023, tal e como se recolle no contrato pola prestación deste servizo.
O Pleno tomou ademais coñecemento do cambio de voceiro do grupo municipal do Partido Popular, no que María Friña Bellón toma o relevo de Adrián García García, quedando Trinidad Yolanda Rico Rodríguez como voceira suplente.