Bisbarra, 9 de xaneiro do 2024 – Pasou o Nadal e deixouse de falar dos problemas dos Centros de Saúde. A xente en festas procura quedarse na casa e aproveitar pero o certo é que Brión está a punto de cumprir un mes sen pediatra.

O denuncia o Bloque Nacionalista Galego, BNG, e culpa á Xunta de Galicia de non ser capaz de atopar unha solución. O Centro de Saúde leva sen pediatra desde o pasado 20 de decembro e atende a un concello de máis de 8.000 habitantes.
O BNG de Brión denuncia que o pediatra tiña que incorporarse onte mércores pero que a aplicación Sergas Móbil marca citas a partir do día 15. Os cativos terán que seguir acudindo unha semana máis ao Centro de Saúde de Negreira, a dez quilómetros de distancia.
En calquera caso, con ou sen cita, desde os centro de Brión piden que se confirme por teléfono si o pediatra estará xa que en decembro, como contamos en Lindeiros, estiveron sen el ao mesmo tempo non só Brión, tamén Negreira e Bertamiráns.
Desde o BNG de Brión denuncian que estas situacións se producen por non cubrir as baixas por vacacións ou enfermidade do facultativo. Si unha baixa é imprevisible, unha ausencia por vacacións non.