Brión, 07/10/2026 – O Pleno do Concello de Brión aprobará previsiblemente hoxe, nun pleno extraordinario, os Orzamentos Municipais para 2026.
Aprobar os orzamentos a estas alturas do ano da idea das dificultades de gobernar un concello hoxe en día. Case ningún concello comezou o ano cos orzamentos aprobados e algún segue con eles prorrogados. Brión leva hoxe a pleno unhas contas que ascenden a 9.246.501,20 euros.
Un presuposto “equilibrado e que cumpre con todas as regras esixidas polo Estado; realista e social, xa que incrementa no posible as partidas destinadas aos distintos servizos á veciñanza; e investidor, xa que aumenta a partida de investimentos reais”, destaca o alcalde de Brión, Pablo Lago.
O alcalde brionés salienta que “na liña dos últimos anos, non hai débeda e aumentáronse as consignacións nas políticas de seguridade e mobilidade cidadá, gasto social, sanidade, cultura, educación e deportes con incrementos de máis do 20%, o que nos permitirá seguir ofrecendo os mellores servizos aos veciños e veciñas de Brión”.
Da como exemplo disto o incremento dun 26,08% do capítulo de gasto corrente, que alcanza os 3.854.961,37 euros. Un gasto no que destacan os 608.000 euros destinados ao servizo de axuda no fogar.
Investimentos
O Capítulo VI de Investimentos Reais experimenta unha baixada motivada polas datas nas que se elaborou este orzamento, xa que moitos dos investimentos recollidos non inclúen os créditos iniciais da obra senón os da adxudicación da mesma, e porque non figuran investimentos conseguidos nos últimos meses, como os 1,19 millóns para mellora e acondicionamento do complexo deportivo municipal de Pedrouzos. “Unha obra que, por si soa, suporía incrementar o anexo de investimentos nun 72% con respecto a 2024”, puntualiza Lago Sanmartín
Entre as actuacións máis importantes de estes orzamentos figuran os 537.000 euros para a reforma do campo de fútbol municipal de Bastavales, case 200.000 euros para a mellora das redes de saneamento e abastecemento en Romarís, Brión, Santa Minia e Sabaxáns.
Tamén se contempla medio millón de euros para melloras de estradas e accesos a núcleos de poboación, sen contar os 1,1 millóns de euros da obra de humanización da AC-524 ao seu paso polos Ánxeles que está a piques de rematarse ou os 2,48 millóns de euros para a mellora da eficiencia enerxética e o cambio de todo o alumeado municipal a LED, actualmente en execución.
