Bisbarra, 30 de maio do 2024 – O concello de Brión aprobou os orzamentos 2024 consensuados coa oposición e votada favorablemente por PP e Psoe e en contra polo BNG.
Os orzamentos crecen un 6,8% con respecto ao ano anterior e chegan aos 7.771.316,63 euros. Unhas contas cualificada pola voceira municipal, Sandy Cebral, como “equilibradas, e que compren con todas as regras esixidas polo Estado; realista e social, xa que incrementa no posible as partidas destinadas aos distintos servizos á veciñanza; e investidor, xa que duplica a partida de investimentos reais”.
Sandy Cebral fixo fincapé en que “estamos moi orgullosos xa que estes son os primeiros orzamentos da historia do Concello de Brión que se abren a debate con todas as forzas políticas”.
Sandy Cebral agradeceu o traballo dos concelleiros do grupo de Goberno e do persoal municipal na elaboración destas contas, destacando que “polo que respecta aos gastos de persoal chegouse a acordo coa Mesa Xeral de Negociación e, na liña dos últimos anos, non hai incremento de impostos, non hai débeda e aumentáronse as consignacións nas políticas de seguridade e mobilidade cidadá, gasto social, cultura, educación e deportes”.
Máis de 1,2 millóns de euros para investimentos reais
Mirando polo miúdo estas contas, a partida de gastos de persoal diminúe un 0,98% con respecto ao exercicio 2023, mentres que o gasto corrente medra nun 2,34%, chegando ata os 3.057.656,21 euros, o 39,35% do orzamento total, para o mantemento dos servizos básicos prestados aos veciños e veciñas de Brión.
O Capítulo VI de Investimentos Reais experimenta un aumento do 51,54%, ata os 1.200.055,78 euros “motivado fundamentalmente pola consignación da achega da Axencia Galega de Infraestruturas para o financiamento da obra de Acondicionamento da AC-543 ao seu paso polo Concello de Brión”, recoñeceu Sandy Cebral.
A viceira socialista tamén salientou polo seu importe a Pavimentación do acceso a Gosende e outros, cunha achega municipal de 135.000 euros; os 65.000 euros do Plan Marco de Mellora de Acceso a Parcelas Agrícolas 2024-2025 e os proxectos do Plan Único, financiados integramente pola Deputación da Coruña.
Investimentos acordados
Das negociacións cos grupos municipais, o Grupo de Goberno acordou executar investimentos como a mellora nos camiños de acceso a explotacións gandeiras en Graña-Pereiriña, Graña-Partantigo e cara o Chan de Filgueiras, todos por parte do PP.
Por parte do BNG cordáronse axudas para material escolar e libros e renovación dos parques infantís de Cornanda, Luaña e Boullón. Punto no que a concelleira especificou que “hai un plan municipal para facer melloras en todo o concello” e adiantou que “precisamente o de Cornanda xa se está rematando nestes días”. Ademais, explicou que “compartimos con vostedes a petición da creación da pista de adestramento, que de feito foi no noso programa electoral. Non se acometerá neste ano, pero podo asegurarlle que se verá realizada nesta lexislatura”.
Debate plenario
No debate plenario os dous grupos da oposición agradeceron que por primeira vez na historia do Concello de Brión foran convidados a manter mesas de diálogo e a achegar propostas para os Orzamentos Municipais. Porén o voceiro do BNG, Xosé Luís Penas, xustificou o voto en contra do seu grupo en que “chegan tarde” e que son moi semellantes aos do ano pasado, polo que empregou os mesmos cualificativos para “unhas contas sen definición política”.
Así mesmo, criticou que o orzamento non recollera todas as propostas realizadas polo BNG, especialmente as da área de transparencia entre as que figuraban algunhas como a creación do Consello Escolar Municipal, a asistencia dos grupos políticos ás mesas de contratación, o compromiso de resposta ás reclamacións da veciñanza en menos dun mes, a creación dun consello deportivo municipal ou a participación dos grupos políticos nas redes sociais do Concello de Brión. Unha queixa á que a voceira do Goberno, Sandy Cebral, respondeu dicindo que “se se fan propostas non tanxibles nin cuantificables, non se poden incluír nun orzamento”, que contrapuxo ao traballo realizado dende o Concello “facendo propostas realistas, factibles e viables, sempre cumprindo as necesidades da veciñanza”.
Pola súa banda, a voceira do PP, María Fariña, agradeceu “a posta en común” dos orzamentos e “a inclusión das nosas achegas, que son propostas concretas e que teñen oco nun orzamento”, lembrando que “non por pedir moito se vai poder incluír todo porque os cartos son os que son”. Así mesmo, amosou a súa disposición a que “estas reunións se repitan ao longo do ano para tratar outros temas como que facer co IES de Viceso ou para arranxar a problemática do CEIP de Pedrouzos”.
Careo BNG-PP
A intervención da voceira do PP motivou un duro ataque polo BNG, formación que tiña contratada unha persoa no salón de plenos para a gravación do mesmo. “O PP vende os seus votos por 3 pistas. Nós non imos vender o noso voto”, asegurou Xosé Luís Penas, quen acusou aos populares de “esquecerse do seu programa electoral”. Foi entón cando anunciou o voto en contra do seu grupo aos orzamentos, especificando que “non sendo necesario o noso apoio porque van saír adiante igual”.
Dende o PP tomou a palabra o vice-voceiro, Waldo Carballo, para asegurar que “nin nos vendemos nin nos deixamos de vender. Votamos a favor de que se intente mellorar o noso concello”. Carballo apuntou que “nós vimos aquí a traballar polos veciños” e lembroulle ao voceiro nacionalista cando despois das eleccións “estivo 15 días negociando para despois non presentar a súa candidatura e agora anda a facer trapalladas”.
Finalmente, o alcalde, Pablo Lago, deu por rematado o debate facendo un chamamento á calma pois “o importante é chegar a acordos e para iso seguimos abertos”, ademais de agradecer “todo o traballo feito nesas mesas de traballo e posta de ideas para que Brión siga medrando”. E diante da crítica aos votos a favor de PSOE e PP á proposta de Orzamentos, Lago Sanmartín aseguroulle ao BNG que “aquí non hai nada oculto, o único que hai é traballo, 365 días de traballo e compromiso coa cidadanía”.