займ срочно

Brión aproba un orzamento de máis de sete millóns de euros

0

Brión, 21 de abril do 2022 – O concello de Brión aprobou este mércores os orzamentos para o ano en curso que superan os sete millóns de euros.

O alcalde de Brión, Pablo Lago, dixo de estes orzamentos que teñen como obxectivo “recuperar a normalidade na realización de actividades que quedaron paralizadas nos dous anos de pandemia sanitaria”

Destacou ademais que, con cargo ao remanente de tesourería,  se licitarán melloras de camiños nas parroquias, construiranse 2 parques cubertos,  ampliarase o pavillón municipal e mellorarase o campo de fútbol de Bastavales

Orzamento equilibrado

O equipo de goberno de Pablo Lago explica que se trata dunhas contas “equilibradas en gastos e ingresos”. A cantidade total é de 7.085.081,31 euros, un 5,04% máis ca en 2021 (6.710.037,97 euros). Destaca o aumentan en gasto social nun 16% e nun 6,15% o investimento en obras.

Neste sentido, Pablo Lago destacou especialmente que “non hai préstamos previstos, increméntase o gasto social nun 16% e subimos tamén en ámbitos que cremos fundamentais para esta volta á normalidade como, por exemplo, o fomento do emprego, que pasa de 177.000 a 184.000 euros ou cultura, que medra un 6%, entre outros”. Así mesmo, explicou que en ensino, “excluídos os gastos extraordinarios do ano pasado en tema Covid, subimos tamén en 2.000 euros”.

Os orzamentos saíron adiante co voto a favor do PSOE e o PP, e a abstención do BNG.

Máis de 600.000 € de inversión de recursos propios

Desglosando os orzamentos, os gastos de persoal medran un 2,28% con respecto ao exercicio 2021, chegando aos 2,65 millóns de euros. A partida destinada a gasto corrente en bens e servizos medra un 9,75%, alcanzando os 3.025.269,16 euros para o mantemento dos servizos básicos prestados aos veciños e veciñas de Brión. Así mesmo, as transferencias correntes baixan un 0,81%, ata os 555.225,87 euros, na súa maioría destinados aos compromisos adquiridos como membro da Mancomunidade Serra do Barbanza, entidade xestora dos servizos de recollida e tratamento dos residuos sólidos urbanos.

O Capítulo VI de Investimentos Reais ascende a 810.394,53 euros, un 6,15% máis ca en 2021. Se o ano pasado o Concello de Brión achegaba case 400.000 dos 763.475,71 euros deste capítulo, neste ano as achegas de fondos propios ascenden ata os 610.318,99 euros, fronte aos 196.661,18 euros procedentes de transferencias doutras administracións. Neste capítulo contémplanse os 153.223,73 euros do POS+2022, que se destinarán a un proxecto de reforzo do firme nos accesos a Guitiande e no viario da contorna da Urbanización do Balneario do Tremo, ambas actuacións na parroquia dos Ánxeles e dende a AC-543 Santiago-Noia. Así mesmo, reforzarase o firme dos viarios da aldea de Vioxo de Arriba, na parroquia da Luaña.

Tamén se inclúe o Plan de Mellora de Camiños AGADER 2022-2023, que suma 71.181,88 euros, dos que o Concello achegará 12.353 euros. A maiores, o Concello de Brión achegará 48.290 euros para a pavimentación do camiño da Igrexa a Soigrexa (Bastavales) e 247.972 euros a un proxecto de mellora da eficiencia enerxética, ambas as dúas actuacións financiadas integramente con fondos propios.

Ingresos por novas edificacións

No que atinxe ao capítulo de ingresos, agárdase un novo incremento de fondos a través do Imposto sobre Construcións e Obras. Se no 2021 se medrou case nun 55%, en 2022 agárdase un novo incremento do 42,18% debido aos expedientes que figuran no Departamento de Urbanismo. Deste xeito, Brión acumula tres anos consecutivos con crecementos por riba do 40%.

Así mesmo, está previsto un aumento do 12,04% dos ingresos por taxas e prezos públicos debido ao reinicio da realización de actividades paralizadas durante a pandemia da Covid-19. Finalmente, as transferencias correntes medran un 8,87% e para este ano non está prevista ningunha operación de crédito.

Orzamento impecable pero fora de prazo

O voceiro do BNG, Xosé Luís Penas, xustificou a abstención do seu grupo en que “os orzamentos se volven presentar fóra de prazo e non se contou cos grupos políticos para a súa elaboración. Tecnicamente son uns orzamentos impecables pero non chegan ao que tiñamos antes da pandemia”. Así, reiterou que “non inclúen ningún risco nin imprudencia, polo que non nos imos opoñer a eles, pero non son os nosos números nin as nosas formas”.

Pablo Lago respondeu que “tiveches catro meses para traer cousas. Houbo grupos que si trouxeron a súa proposta de obras e hoxe están nos orzamentos”, en referencia ao PP. Lago Sanmartín enmarcou a abstención do BNG “en facer política, un ano antes das eleccións”. Mentres o BNG lamentaba que os orzamentos se presentaran dous meses máis tarde ca en 2021 (cando exactamente foron aprobados o 21 de abril de 2021), o alcalde lembrou que Brión conta nestes momentos cunha interventora a tempo parcial e reiterou o seu agradecemento ao “duro traballos de Intervención e Secretaría”.

Remanente

Pablo Lago aproveitou a súa derradeira intervención para adiantar que, unha vez aprobada a liquidación do ano 2021, que se estima duns 6 millóns de euros, ten previsto licitar unha obra de mellora de camiños que comprenderá diversas parroquias, así como as obras para a construción de dous parques infantís cubertos e a mellora da sinalización de todo o municipio.

“Tamén se realizarán con fondos propios con cargo ao remanente, diversas obras de mellora de instalacións deportivas como as de ampliación do pavillón municipal que non cubran a nominativa de 150.000 euros solicitada á Deputación Provincial e a mellora do campo de fútbol de Bastavales, entre outras”, exemplificou Pablo Lago. A maiores, o Concello tamén ten solicitado ao IDAE unha subvención por importe de 2 millóns de euros para a renovación do alumeado público.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies