Brión, 21 de setembro do 2018 – A concelleira de Ensino de Brión, Yolanda Bouzas, acompañou ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e ao voceiro parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, durante a súa visita ás nais e pais pechados no IES de Brión polos recortes da Xunta.
Bouzas Alfonsín agradeceu o apoio amosado por Caballero á comunidade do IES de Brión e lembrou que “o pleno de Brión acordou por unanimidade de todos os grupos municipais apoiar á comunidade escolar do instituto en todas as iniciativas que desenvolva para conseguir un número suficiente de profesores que permitan manter un ensino de calidade como o que se vén prestando ata o de agora”.
Neste sentido, a concelleira de Ensino reiterou o “apoio total do Concello de Brión á dirección do centro, ao seu equipo de docentes, á asociación de pais e nais e a toda a comunidade educativa que está mobilizándose de xeito masivo para pedir que se corrixa unha medida que vai en detrimento da calidade de ensino que reciben os nosos mozos e mozas”. Neste sentido, Yolanda Bouzas non entende que dende Educación plantexen como solución a eliminación de asignaturas optativas, como a de Robótica, “cando estamos falando de materias para a formación do noso alumnado, materias que, ademais, os motivan moito e nas que o IES de Brión leva anos conseguindo moitos premios a nivel galego e mesmo nacional”.
O IES Brión leva conseguido nos últimos tempos, entre outras, as seguintes distincións: 1º premio no concurso “Sensores 2018”, convocado por Igaciencia; 1º premio do concurso “Aprendendo programando”, do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (2018); 1º premio “Juvenes Translatores”, convocado pola Comisión Europea (2018); 1º, 2º e 4º posto na III Competición de Robots da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo (2017); 1º premio no concurso “Na procura do talento dixital”, da Dico Summit 2017; 3º posto no concurso “Wisíbilízalas”, certame nacional da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona (2017); 1º premio no concurso “Sensores 2017”, convocado por Igaciencia (2017); 2º posto no “Desafío Stem”, da Fundación Telefónica entre 1.500 proxectos de toda España; 1º, 2º e 3º postos na Competición Escolar de Robótica OSHWDem 2015. De feito, 12 dos 37 alumnos e alumnas graduados no último curso 2017-2018 tiñan unha media superior a 8,5.
Monólogo de apoio de Candido Pazó
O actor e contacontos Candido Pazó dará mañá unha actuación no IES para mostrar o seu apoio a comunidade educativa. A cita a partir das seis da tarde

