Bisbarra, 9 de novembro do 2024 – A Valedora do Pobo confirmoulle á ANPA Andaravía que finalmente recibiu o informe requirido á Consellaría de Educación, no que a institución, que preside en funcións María Dolores Fernández, constata que o CEIP Plurilingüe de Pedrouzos está “infradotado” canto a profesorado.

A Valedora tras analizar o informe da Consellería repróchalle ao departamento educativo falta de claridade en varios puntos, polo que lle esixe “con urxencia” un segundo informe complementario.
A Consellaría xustifica nunha “imposibilidade física” a falta de desdobramento do 4.º curso de primaria en catro grupos, mantendo os 74 escolares matriculados, 79 para os efectos de ratio, en só tres aulas. Un argumento “falaz”, segundo a ANPA Andaravía, xa que en cursos pasados houbo desdobramentos sen que a xunta utilizase un argumento semellante.
En materia de profesorado, a Consellaría mesmo chega a afirmar que o centro se reforzou cunha profesional de Educación Primaria ante a referida “imposibilidade física”.
A Valedora reprocha que a información facilitada pola Administración “non concorda” co establecido na Resolución do 10 de xaneiro de 2024 (Acordo de mellora educativa).
“Se hai 18 unidades de EP [Educación Primaria] o centro debería contar cun especialista para cada unidade. Sen embargo, hai 17 especialistas en educación primaria e 1 especialista en educación primaria (media xornada), é dicir, un cómputo total de 17,5”, razoa o departamento presidido por Fernández Galiño.
A Valedora engade no seu informe que “Porén, o establecido no punto 2.3 do Acordo do 11 de outubro de 2023 é que, se nalgún caso excepcional, non se poden cumprir as novas ratios establecidas, por inexistencia de aulas no centro educativo, no caso das ensinanzas de educación infantil e primaria, dotarase o centro dun especialista de educación primaria máis dos que lle corresponden por catálogo. Neste caso, o centro queda infradotado”.
En canto á provisionalidade no departamento de orientación, cun responsable diferente en cada curso, coa información proporcionada pola Consellaría “non é posible facer unha valoración definitiva”, polo que a Valedora xa esixiu aclaracións.
“O informe tampouco aclara a cuestión da provisión doutro PT [Pedagoxía Terapéutica] nin xustifica o axuste dos dous especialistas actuais á realidade do centro para a atención do alumnado con NEE [necesidades educativas especiais] e NEAE [necesidades específicas de apoio educativo]”, conclúe o departamento de Fernández Galiño.
A ANPA agarda que o departamento que dirixe Román Rodríguez atenda a solicitude da Valedora e dea unha “resposta satisfactoria” ás reclamacións da comunidade educativa de Brión coa urxencia requirida.