Bisbarra, 10 de marzo do 2023 – O Concello de Brión e a Comisión contra a central hidráulica reversible do Tambre calculan en máis de 400 as alegacións presentadas polos veciños.

O prazo de presentación pechouse o pasado luns e só no Rexistro Xeral do Concello presentáronse 220 alegacións. Segundo o alcalde, Pablo Lago, isto indica “que temos que agradecer non so a implicación dos veciños e veciñas de Brión senón tamén o traballo da funcionaria do Rexistro, que mesmo estivo un par de tardes rexistrando para dar cabida a todas e cada unha das alegacións presentadas”.
Lago engade que “A maiores, desde a Comisión de Seguimento, que fixo e continúa facendo un gran labor de representación e defensa dos intereses da veciñanza, tense constancia da presentación doutro centenar máis de alegacións”. A este número, seguiu, “hai que engadir as 105 alegacións rexistradas en Negreira por veciños e veciñas de Brión polo que, unidas ás que se presentaran directamente en Augas de Galicia e noutros rexistros podemos falar de medio milleiro de alegacións”.
O Concello de Negreira confirmou que presentou unha alegación contra o impacto paisaxístico do proxecto. Por outra banda un dos integrantes da Comisión de Seguimento tramitou telematicamente as alegacións de 26 persoas de Cornanda e dende a Comisión teñen constancia da presentación de: 41 alegacións no Rexistro Xeral do Concello de Noia, 33 no Rexistro Xeral de Portos de Galicia así como das alegacións presentadas por asociacións ecoloxistas como ADEGA, Petón do Lobo e Torres de Altamira, ás que hai que engadir as realizadas polos partidos políticos (PSOE, PP e BNG) e polo propio Concello de Brión. A falta de confirmar as alegacións presentadas directamente en Augas de Galicia, Correos e noutros Rexistros, a cifra final podería achegarse ao medio milleiro.
Alegacións do Concello
O Concello de Brión presentou sete alegacións conxuntas nun documento de 82 páxinas nas que manifesta “o máis absoluto rexeitamento ás iniciativas do aproveitamento da auga que se interesan, que levarán a unha alteración irreversible do medio natural, económico e social.

Brión formula as súas alegacións co obxectivo de “poñer de manifesto as múltiples afeccións que para veciños, estilo de vida, entorno natural, especies animais e vexetais, clima e zonas protexidas pola Rede Natura 2000 suporá a implantación dalgunha das propostas, das que se entende non existe xustificación ningunha, nin interese xeral algún”.
As alegacións do Concello de Brión desenvolven en profundidade as presentadas a semana pasada á veciñanza de Cornanda:
Grave afección á veciñanza. Destrución do medio de vida local.
Destrución do medio económico de subsistencia local e a inevitable despoboación da zona vencellada á imposibilidade de exercer actividade económica algunha. Segundo o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, na área de influencia de 2 quilómetros sitúanse 36 explotacións, das que o 30% se dedican á carne de vacún e o 28% a explotacións ovinas e de produción de leite. Ademais, o proxecto non garda coherencia coas máis recentes políticas dirixidas a preservar a agricultura e a gandería.
Falta de consideración do incremento do risco por mor da execución das obras e posta en funcionamento da central, especial consideración da aldea da Graña.
Grave afección ao recurso. Iniciativa contraria ao Plan Hidrolóxico de Galicia. Incompatibilidade da proposta coa normativa reguladora da política de augas.
Marcado carácter lucrativo das propostas.
Explotación irracional do medio. Incompatibilidade co Plan Hidrolóxico de Galicia. Grave afección ao río Tambre.
Afección á capa freática dos cauces próximos ou directos. Nela detállanse afeccións irreparables a 21 regos e fontes da zona.
Afección severa ao Encoro Barrié de la Maza.
Imposibilidade de recuperación e reparación dos efectos prexudiciais derivados da concesión, unha vez revertida esta. Obriga de soportar as obras de por vida.
Grave afección ao medio ambiente. Alteración irreparable do ecosistema local. Iniciativa contraria á Lei 5/2019 de Patrimonio Natural e da Biodiversidade de Galicia e demais normativa medioambiental.
Grave afección aos hábitats prioritarios e ás especies catalogadas no artigo 17 da Directiva 92/43. Detállanse ata trinta especies afectadas.
Especial consideración das especies singulares da zona: grave afección ao Escribano Palustre (das que só quedan 20 parellas reprodutoras en Galicia), grave afección ao lobo e incompatibilidade da proposta co seu réxime de especial protección
Grave afección ás aves e ao medio mariño, tanto do río Tambre como da ría de Noia.
Falta de consideración por parte das propostas da posible alteración climática da zona. Afección por cambio climático. Suporá un incremento sensible da névoa no ambiente diario, que xa é notoria. Isto provocará unha repercusión negativa na saúde física e mental dos veciños afectados, ademais das evidentes consecuencias que terá para os cultivos.
Precedentes xurisprudenciais relacionados coa prevalencia da conservación do medio ambiente fronte a obras destas características.
Consideracións finais sobre a relación entre a concesión do aproveitamento e as consecuencias medio ambientais.
Prohibición de cambio de uso de terreos afectados por incendios forestais. Na que se detallan a lexislación que impide estes cambios de uso e precedentes xudiciais.
Grave afección aos viarios existentes. Alteración irreparable do trazado. Desaparición das vías pecuniarias.
Grave afección aos viarios, especial consideración da aldea de Vilariño, que conta unicamente con dúas opcións de acceso desde A Graña que quedarían ambas atravesadas polo conduto de aspiración que enlaza coa balsa superior, o que complicaría o acceso ás vivendas existentes.
Desaparición das vías pecuniarias existentes, importantes á hora de preservar a contorna natural.
Proximidade á Rede Natura 2000. Falta de previsión das afeccións ao Esteiro do Tambre.
Sobre os proxectos.
Falta de xustificación da necesidade do proxecto.
Inviabilidade do proxecto.
Carencia de interese xeral das propostas. Necesidade da declaración dun interese público cualificado por aplicación da Directiva 2000/60 CE.