Bisbarra, 16 de xuño do 2023 – O concello de Vedra ven de participar en Croacia no Evento Internacional “Boas prácticas europeas, experiencias culturais e vitivinícolas en territorios de paisaxe agrícola tradicional”.
O evento formou parte da reunión que celebrou o proxecto winEU.rur, desenvolvido dentro do programa Erasmus +. Vedra é un dos socios de este proxecto Europeo e levou como representantes á axente de desenvolvemento local e coordinadora do proxecto Vanessa Creso; ao concelleiro Enrique Vázquez como representante do goberno; e a Pepe Albela creador da xenebra Nordés, como representante da boa práctica presentada polo Concello no proxecto.
O evento internacional foi organizado polo socio croata do proxecto, Lokalna Akcijska Grupa Zagorje – Sutla. Consistiu nunha xornada dedicada a conferencias e visitas sobre as prácticas tradicionais da elaboración do viño no condado de Krapina-Zagorje, as iniciativas dos socios do proxecto relacionadas coa preservación do medio ambiente; a cultura e a paisaxe; a arquitectura que rodea as viñas e as tradicións etnográficas e os valores sociais e as experiencias culturais nos territorios de paisaxe vitivinícola tradicional.
O proxecto europeo winEU.rur está integrado no programa CERV-Rede de cidades e conta coa participación de institucións galegas, italianas, búlgaras, eslovenas, croatas e portuguesas. O obxectivo do proxecto é crear unha rede de pequenas comunidades rurais para a protección, promoción e valorización das paisaxes rurais europeas que impulse novas experiencias de turismo sostible e accións de transición dixital e ecolóxica, pero que tamén defina estratexias de gobernanza participativa baseadas nos valores sociais, culturais e históricos que ofrecen as paisaxes agrarias tradicionais, como activos para unhas zonas rurais europeas máis verdes, máis dixitais e máis resilientes.
O proxecto, que finalizará o 30 de novembro de 2024, conta cun orzamento total de 148.010,00 euros, co-financiado polo programa CERV-Rede de Cidades Pola parte española, participan o Concello de Vedra, líder do proxecto, e os socios internacionais son a Comune di Capannori, de Italia; a Municipalidade de Bolyarovo, de Bulgaria; o Centro de educación de adultos AEC Lendava, de Eslovenia; Lokalna akcijska grupa Zagorje – Sutla (LAG ZS), de Croacia; e mais o Município de Lousada, de Portugal.