займ срочно

Días de paixón no entorno da canteira da Casalonga

0

Bisbarra, 14 de outubro do 2022 – Desde que a finais de setembro o dono de Toysal, Victor Toca, pedira unha reunión á voceira socialista no concello, Uxía Lemus, tiveron lugar dúas reunións con veciños, dúas co empresario, dous comunicados do concello e nin se sabe cantas chamadas de teléfono.

En procesos tan longos como o da canteira da Casalonga de cando en vez se producen terremotos. Pequenos sismos tras os que non parece cambiar nada ata que se analizan os danos e se ven as debilidades e as fortalezas das estruturas. Cales resistiron ben e cales non.

Tras a reunión da pasada noite da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos resulta claro que o movemento veciñal é o que mellor parado sae. Case cen persoas escoitaron á directiva e concordaron que a empresa esta debilitada e que, polo tanto, non hai que deixar de esforzarse, mesmo incrementar a presión.

Reunión en Francos do equipo de goberno coa veciñanza

Días de paixón

Dicíamos a finais de mes que a reunión de Uxía Lemus non cambiara o escenario. Tras as explicacións dadas pola avogada da Plataforma na reunión mantida onte coa veciñanza sábese que foi unha reunión tensa. Que a avogada acudiu como representante legal da voceira socialista (que xunto ao arquitecto municipal está incursa nunha demanda penal posta pola empresa). Sábese tamén que o empresario “está farto” do conflito segundo dixo na reunión. Que o dono de Toysal quere sentarse a falar con todos os grupos e mesmo está disposto a acudir a un pleno municipal a explicar a súa postura.

Mesmo sábese que está disposto a renunciar á concesión mineira si hai un acordo para deixar os terreos. Un dato relevante que relega a un segundo plano a condición do alcalde de que estea presenta, nunha teórica reunión, a Dirección Xeral de Minas. Da reunión da Plataforma sae tamén o dato de que fontes da Dirección Xeral de Minas mostran un interese claro e resolver o conflito canto antes e do mellor xeito posible.

No encontro da Plataforma quedaron frases que definen a súa postura, as súas queixas e o momento actual do conflito. Tras a reunión con Uxía “ningún partido nos chamou para saber que se dixera en ela”. “Sempre loitamos por que o empresario se sentara nunha mesa a falar e agora que o conseguimos ninguén quere falar con él”. “pedimos por rexistro estar presentes na reunión do alcalde pero non se nos contestou”. “queremos explorara solucións que sexan definitivas”.

Hai dúas conclusións claras ás que chega a Plataforma Casalonga Limpa de Residuos. A primeira é que ninguén sabe o que quere o empresario salvo que está preguntando polos pasos necesarios para recuperar a licencia de explotación. A segunda é que legalmente os terreos teñen que pasar a dominio público para que non poidan ser expropiados. Non chega coa marcha de Toysal xa que si os terreos seguen sendo privados a ameaza continuará.

Reunión da pasada noite da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos

O taboleiro da partida

Lindeiros falou con toda a oposición política e estivo presente na reunión do alcalde cos veciños. O equipo de goberno defende que a reunión co empresario foi únicamente de carácter técnico e similar á que mantería con calquera que o solicitara.

Engade que dos doce minutos de reunión saíu a intención de Toysal de pechar a pista da Canteira. Di tamén que xudicialmente queda a vía civil, que se leva tempo valorando. Finalmente asegura que a empresa está máis bloqueada que nunca e pide “que non se lle dea osíxeno”. O alcalde, Rafa Sisto, volveu a asegurar que “non se sentará a falar sen a presenza da Dirección Xeral de Minas e da Consellería de Medio Ambiente” aínda que isto entra en conflito coa reunión “técnica” mantida o luns, un matiz que unha parte da veciñanza non comprende.

Desde o BNG a súa voceira,  Patricia Castelao, vota de menos que Uxñia Lemus, a voceira socialista convocara á comisión para explicar a conversa mantida e considera “que non se fan asi as cousas”. Sobre a reunión do alcalde espera “que se tratara só de cuestións técnicas sobre a situación da canteira e da licenza”.

Desde o PP Antonio Gómez explica que “hai un ano xa dixemos que non hai xeito de solucionar isto só pola vía xurídica” e que desde entón levan pedindo que se senten as partes a falar. Tamén considera que Uxía lemus debeu acudir á Comisión a explicar que se falou na reunión pero preguntado pola contradición que se da ao pedir desde hai un ano a reunión coa empresa e a negativa a acudir á reunión convocada por Uxía Lemus asegura que “son eles os que teñen que explicar que cambiou para que agora si se senten a falar”. Antonio Gómez di que unha persoa incursa nunha causa contra a empresa non debería reunirse con ela pero ao mesmo tempo asegura que “non son eu quen debe dicir si no caso dunha reunión de todos os partidos coa empresa Uxía Lemus debe de estear presente ou non”.

Finalmente desde o partido socialista explícase, tal como dixo a avogada da Plataforma na reunión da pasada noite, que na reunión con Victor Toca non se negociou nada.

Móstranse sorprendidos pola actitude de todos os partidos “tras a reunión convocamos unha xuntanza para explicar o que se falara e ninguén quixo acudir, sen embargo nos critican que non convocaramos á Comisión cando na práctica é o mesmo xa que a Plataforma xa estivera presente por medio da súa avogada”.

Uxía Lemus valora de xeito positivo “que o alcalde vexa a luz e  se sente a falar coa empresa” pero “non entendemos a deriva crítica contra a Plataforma e que non fora convidada a dita reunión”. A voceira socialista é moi crítica coas contradicións do Partido Popular que tras pedir en reiteradas ocasións que se buscaran conversa coa empresa “agora négase a falar, da a sensación de que cando o piden eles é o que hai que facer e cando a iniciativa parte da propia empresa, xa que nos só trasladamos esa petición, non vale; en algún momento terán que explicalo”.

E agora?

Péchase un novo capítulo no conflito da canteira da Casalonga. Non será o último pero deixa un escenario máis claro. Segundo o que soubemos estes días a empresa está disposta a marchar, mesmo a renunciar á concesión, si hai un acordo.

O BNG pide unha vía institucional para a reunión; o PP que se fale pero cando eles o digan; o Psoe xa falou e séntase a esperar a saber si serviu de algo e o goberno de Son de Teo tamén se sentou pero só para falar da licencia de explotación.

A Plataforma é consciente de que este é o momento de sentarse a falar. Nuns meses pode cambiar todo, desde que se pida unha nova licencia de explotación ata que se venda a canteira a outro empresario e todo volva a comezar. Móstrase moi crítica coas reticencias de algúns políticos a esa reunión, explican que ninguén sabe o que quere Toysal e que o único xeito de pescudalo é falar con eles.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies