Bisbarra, 18 de outubro do 2023 – Continúan os problemas do transporte metropolitano e ás queixas de distintos concellos súmanse ás de Silleda polos retrasos na liña Ourense Santiago.

O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña Fernández, mantivo un encontro ca Xefa Territorial de Mobilidade da Coruña, Judit Fontela Baró, para abordar os distintos problemas detectados ca liña de autobús entre Santiago e Ourense que realiza a empresa Monbús.
Cuiña, que entregou persoalmente as 154 sinaturas da veciñanza de Silleda apoiando un escrito de queixa por distintas incidencias no transporte, sinala que dende a xefatura territorial se comprometeron a estudar e analizar ca empresa operadora todas estas situacións.
O alcalde explica que “Se ben descoñecían estas irregularidades, trasládannos que o estudarán ca empresa e lle requiriran para que se solucionen”. Cuíña agradeceu á xefa territorial a súa disposición para abordar esta problemática.
Entre as incidencias manifestadas pola veciñanza e persoas usuarias da liña de autobuses Santiago-Ourense, a máis utilizada con diferencia polos veciños e veciñas de Silleda, figuran ademais de retrasos o solapamento de liñas nalgún caso ou situacións nas que o autobús non parou nas distintas paradas establecidas.
No caso do solapamento do servizo, pode deberse, segundo explicaron dende a xefatura territorial, á coincidencia das liñas entre A Coruña-Ourense (con 3 liñas diarias) e A Coruña-Lugo, que saen con escasa diferencia de tempo.
“Agardamos que as incidencias se poidan resolver para o axeitado funcionamento desta liña de transporte público que cada vez utilizan máis persoas”, indica Cuiña.
Autobús persoal sanitario Aproveitando tamén esta xuntanza o alcalde de Silleda tamén lle trasladou as peticións do persoal sanitario que traballa no Complexo Hospitalario de Santiago, para realizar reaxustes horarios na saída da liña de autobús dende Lalín.