Compostela, 16 de maio do 2023 – A Casa do Cabido de Santiago acolle, desde esta semana, a exposición “Mirar a cidade”, do fotógrafo santiagués Fuco Reyes.
“Mirar a cidade” poderá ser visitada de balde durante os próximos meses en horario de 10h a 14h e 17h a 21h de martes a sábado e 11h a 14 os domingos.
Son 50 imaxes de distintos lugares de Compostela. Unha visión persoal de Fuco Reyes sobre a cidade “Construímos unha cidade invisible, un imaxinario persoal e singular de Compostela. Unha visión poliédrica e atemporal de espazos urbanos que xeran procesos de pensamento que nos converten en espectadores e actores únicos”.
Para o artista, esta é unha forma de pensar Compostela. “Convertémonos no nexo que une a quen viviu a cidade e a quen a vivirá, nun reencontro constante co tempo. O pasado, o presente e o futuro combinados nun agora que nos permite recoñecernos, vivirnos en cada instante e facernos sentir que, nós, somos esta cidade”, engade.