O Plan Director de San Martín Pinario, a ubicación do novo edificio do IDIS ou a renovación dpo Centro Socio Cultural José Saramago de Vite pasaron pola reunión do goberno municipal.

A Xunta de Goberno de este luns en Santiago de Compostela deixou temas que marcan o comezo de modificacións importantes en ámbitos urbanísticos que afectan ao casco histórico, á USC e ao centro socio cultural de Vite.
En primeiro lugar aprobouse o Plan Director do conxunto monástico de San Martiño Pinario. O conxunto de San Martiño Pinario atópase nunha parcela de 18.897 m2 e posúe unha superficie construída de aproximadamente 72.215,85 m2. É propiedade do Arcebispado de Santiago e acolle diferentes usos (espazo cultural, Escola Universitaria de Traballo Social, Instituto Superior Compostelán de Ciencias Relixiosas, Biblioteca do Instituto Teolóxico Compostelán, Arquivo Histórico Diocesano, Seminario Maior, Hospedería de San Martiño Pinario, Vicaría de Ensinanza e Catequese, vivenda e Librería Exeria).
O documento aprobado, segundo o concelleiro de urbanismo e vivenda Iago Lestegas “define as actuacións que se prevén executar a medio e longo prazo” e que conta co informe favorable da Comisión Asesora de Patrimonio Histórico e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural”.
Lestegás, lembrou que o inmoble foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) pola Consellería de Cultura e o edificio está catalogado polo Plan Especial co nivel 1 como edificio monumental e de valor excepcional arquitectónio, histórico-artístico e cultural.
Nas propostas atópanse a restauración do claustro pequeno (coa supresión do depósito de auga), restauración dos valores arquitectónicos e espazos culturais orixinais ou obras de conservación e mantemento da cuberta da ala oeste.
O orzamento estimado para desenvolver este plan é de 1,7 millóns para a renovación de instalacións e ascende a 15 millóns no seu conxunto.
IDIS
O executivo municipal aprobou tamén, de forma provisional, o plan especial de infraestruturas e dotacións (PEID) que ordena a implantación do novo edificio do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) na Choupana, nun ámbito cualificado como equipamento universitario ao sur da avenida do Mestre Mateo.
Segundo sinalou o concelleiro de Urbanismo, trátase dun “instrumento necesario para definir as condicións de implantación do novo edificio e garantir a súa adecuada integración na contorna”. O ámbito do PEID ten unha superfice de 5.817 m2 e a maior parte del corresponde a unha parcela de 4.278 m2, propiedade da Compañía de Xesús, onde se prevé a construción do edificio.
O IDIS é un centro de investigación biomédica creado polas unidades de investigación da USC e do CHUS que integra 1.337 persoas (persoal investigador, técnico e de xestión) e “precisa un espazo axeitado para desenvolver a súa actividade, xa que actualmente as súas instalacións están repartidas entre diferentes edificios do CHUS. A localización deste ámbito, entre o CHUS e a USC, faino idóneo para acoller as novas instalacións do IDIS”, subliñou Lestegás.
A edificación fragmentarase en varios volumes para adaptarse ao relevo do terreo, que ten unha forte pendente dende o CHUS cara á antiga estrada de Noia, e manterase o carácter natural do ámbito a través da creación de cubertas vexetais transitables.
O estudo económico incluído no PEID prevé un investimento total de 5,8 millóns de euros que asumirá a Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela. O concelleiro indicou que tras a aprobación inicial, remitiráselle o documento á Dirección Xeral de Urbanismo para que emita informe no prazo de dous meses antes da súa aprobación definitiva, que lle corresponde ao Pleno.
Esta aprobación definitiva do PEID habilitará a “expropiación dos terreos afectados ou a súa adquisición por calquera dos procedementos previstos para obtención de dotacións”. Lestegás explicou que “ao se tratar dun ámbito cualificado no PXOM como dotación pública, o Concello só podería expropiar en beneficio doutra administración ou dunha entidade que poida ser titular de bens de dominio público, como por exemplo a Universidade. O IDIS comprométese a adquirir os terreos, que deberán incorporarse ao dominio público, e coa mediación do Concello a Compañía de Xesús manifestou a súa dispoñibilidade para convir a transmisión do predio por un prezo axeitado”.
Proxecto de rehabilitación de fachadas do centro sociocultural José Saramago
A Xunta de Goberno tamén aprobou o proxecto de rehabilitación de fachadas do centro sociocultural José Saramago, en Vite, e a apertura de saída de emerxencia.
“Este edificio proxectado en 1989 ten problemas de humidade provocados por condensación e filtracións e necesita resolver as patoloxías do morteiro que suxeita o aplacado de granito exterior”, sinalou a primeiratenente de alcaldesa Míriam Louzao que tamén indicou que “precisa incorporar unha saída de emerxencia auxiliar que permita aproveitar toda a capacidade do salón de actos cumprindo coa normativa de evacuación”.
O salón ten 180 m2 dispoñibles para o público e unha capacidade máxima calculada en 360 persoas. Ao intervir na fachada, á que se lle colocará un sistema de illamento exterior, tamén se adecuarán as instalacións que se sitúan sobre ela (alarma, gas, baixantes, rótulos etc.).
O orzamento para esta obra ascende a 303.807 € (IVE incluído) e o prazo de execución que prevé é de 60 días hábiles. Unha vez aprobado o proxecto, “corresponde agora tramitar o expediente para licitar a obra”, apuntou a edila.