Boqueixón, 24 de febreiro do 2020 – Continuando coas actividades previas a Festa da Filloa de Lestedo, que se celebra o 1 de marzo, sete locais hostaleiros da vila participan desde hoxe nas quintas Xornadas gastronómicas da Filloa.
Como cada ano, os consumidores que visiten os locais participantes poderán degustar por un prezo de 2 euros exquisitas tapas elaboradas coa filloa como protagonista. As xornadas desenvolveranse ata o 29 de febreiro en horario de 12:00 a 15:00 horas e de 21:00 a 23:30 horas.
Tapas para todos os padais
Os establecementos que participan son: Bar-Restaurante “O Imprevisto”, restaurante “Vente vindo”, café-bar “O 26”, cervexería “O Vikingo”, restaurante “Vía da prata”, Casa de Xantar “Casa Castro” e taberna “O tapeo”.
As tapas que elaborarán son unha filloa de grelos con mar caramelizado e filloa de café irlandés no Bar-Restaurante Imprevisto, a Filloa do 26” no Café-bar O´26, a “Entroidada”, o “Revolto na pantalla” e “atranque de chicharrón no Restaurante Vente Vindo, “bocados a carón do lume” na cervexería O Vikingo, “Filloa namorada” e “Filloa croculloa” no Restaurante Vía da Prata, “Filloa da avoa” e “Filloa o tapeo” en Taberna O Tapeo, e “Filloa rechea” na Casa Castro.