Boqueixón, 27 de agosto do 2020 – O Concello ultima todos os preparativos para a posta en marcha dun novo programa de visitas guiadas de balde Boqueixón Sacro.
Según o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín “Esta proposta vén a complementar a xa posta en marcha, e que está contando con boa aceptación, de visitas guiadas de balde ao Pico Sacro, ó Centro de Interpretación e a Ponte Ledesma”, indica. O rexedor salienta que “este tipo de iniciativas buscan dar a coñecer o amplo patrimonio do noso municipio, non só entre as persoas visitantes, senón tamén entre a propia veciñanza”.
O programa Boqueixón Sacro dará comezo o vindeiro 1 de setembro e estenderase ata o 31 de decembro. Os percorridos correrán a cargo dun técnico de Información Turística e serán totalmente gratuítos, previa inscrición a través do teléfono 981 513 061 ou enviando un e-mail a boqueixonturismo@gmail.com.
Para realizar as visitas requírese un grupo mínimo de 5 persoas e establécese un máximo de 10, co fin de garantir todas as medidas de prevención contra a COVID-19. Os/As asistentes deberanse desprazar no seu propio vehículo aos distintos puntos establecidos no itinerario que durará, aproximadamente, hora e media. Os lugares de interese que se darán a coñecer a través de este programa son os seguintes:
Capela de Nosa Señora de Lourdes de Lestedo
Igrexa de Santa María de Lestedo
Igrexa de San Lourenzo da Granxa
Capela de San Sebastián (Pico Sacro)
Igrexa parroquial e cruceiro de Santa María de Lamas
Cruceiro de Rodiño
O punto de encontro será a Igrexa de Santa María de Lestedo. As visitas guiadas desenvolveranse de luns a venres en horario a convenir entre as persoas interesadas e o propio técnico de Información Turística do Concello de Boqueixón.
Dende o Concello lembran a importancia desenvolver estas actividades respectando todas as medidas hixiénico-sanitarias de prevención contra a COVID-19. Por iso, será obrigatorio o uso de máscaras en toda a actividade, así como o mantemento da distancia de seguridade interpersoal e a limpeza de mans con hidroxeles.