Boqueixón, 3 de febreiro do 2021 – O concello de Boqueixón adxudicou a renovación de 232 luminarias do alumeado público en distintas parroquias do municipio.
O cambio de luminarias obedece a un proxecto de mellora da eficiencia enerxética. A intención do concello de Boqueixón e continuar en distintas fases ata a renovación total dos 2.700 puntos de luz distribuídos polo seu territorio.
Economía máis sostible
Esta primeira actuación conta cun orzamento de preto de 130.000 euros. Está acollida á liña de axudas a proxectos de Economía Baixa en Carbono promovidos por Entidades Locais, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e xestionada polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). O obxectivo final é conseguir unha Economía máis limpa e sostible. Do montante total do orzamento, Boqueixón aporta un 20%, mentres que o resto será asumido polo IDAE.
As obras comprenderán a renovación das instalacións de alumeado nas rúas e interior de núcleos rurais. Os núcleos nos que se levarán a cabo os traballos son O Forte (nos arredores da Casa do Concello), Ardesende, Camporrapado, Villalapaz e a Ponte, entre outros. O prazo de execución dos traballos estímase en seis meses.
As luminarias actuais serán substituídas por outras LED de última xeración e elevada eficiencia enerxética. O proxecto tamén prevé a reposición de 6 cadros de mando dos 130 existentes para adaptalos á normativa vixente nesta materia. “Deste xeito, estímase un aforro enerxético dun 68% nas instalacións afectadas por estas obras”, concreta o rexedor.
