O obxectivo e detectar posibles problemas e mellorar a rede con esta auditoría na que se investirán 15.000 euros.

Non prestamos atención aos servizos que nos proporcionan os nosos concellos ata que comezan a dar problemas. Boqueixón quere adiantarse a eses problemas e realizará unha auditoría técnica da rede municipal. Unha actuación na que se van investir preto de 15.000 euros.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, salienta que “contamos cunha infraestrutura moi potente con 92 km de tubaxes, 14 novas depuradoras, 13 bombeos, unha nova EDAR e preto de 1.500 enganches á rede. Un sistema que permite ofrecer un servizo de calidade e adaptado ás necesidades de cada núcleo de poboación, e que seguiremos reforzando con novas actuacións tras realizar esta auditoría técnica”.
Estas infraestruturas, unidas á posta en marcha da nova depuradora de Sergude e o plan municipal de utilizar foxas sépticas comúns con sistemas de infiltración no terreo para depurar as augas de pequenos grupos de vivendas, “permitiranos levar o saneamento ao 100% dos núcleos do municipio, algo excepcional para un pequeno concello rural que xa conseguira algo sen parangón no resto da provincia: que o 100% da veciñanza teña acceso a un abastecemento de auga de calidade”, sinala Ovidio Rodeiro.
