Bisbarra, 16 de xuño do 2023 – O Pico Sacro, en Boqueixón, acollerá o vindeiro domingo día 18, a partir das 13 horas, a cerimonia do Lume Sagrado despois de tres anos sen celebrarse.

Será o peche ao programa cultural “Un mes e pico” que se ven celebrando, en esta edición, con a presenza do Pico na literatura como argumento central.
O concello de Boqueixón é o encargado de organizar esta cerimonia en colaboración coa Asociación Cultural Mestre Gacio (que porá a música a través de Luz do Ilicinio) e coa Asociación do Castro da Fervenza de Callobre (A Estrada). As tribos celtas encontraranse na base o Pico Sacro e despois desprazaranse ata a Capela de San Sebastián, onde terá lugar a Cerimonia do Lume Sagrado na que os presentes empregarán a forza do Sol para acender o lume.
Un lume que iluminará a noite de San Xoán en Boqueixón, xa que despois poderá solicitarse para facer as distintas cacharelas. Unha tradición coa que o concello dálle a benvida ao solsticio de verán. Dende o Concello animan á veciñanza e aos visitantes a sumarse a esta posta en escena, achegándolles a vestimenta e todo o material preciso para unírense á representación. Para formar parte como integrantes do séquito da Raíña Alda só será preciso formalizar a asistencia no Departamento de Turismo (boqueixonturismo@gmail.com ou 981 513 061).
Conferencia de Xosé Manuel Lobato
Un día antes, o sábado 17 de xuño, a capela de San Sebastián acollerá a conferencia “O Pico Sacro, magnetismo literario”, a cargo de Xosé Manuel Lobato, doutor en Filosofía e Ciencias da Educación, escritor, profesor e veciño de Boqueixón que ten escrito varios libros nos que o Pico Sacro está sempre presente.
A conferencia terá lugar a partir das 19:00 horas e a asistencia é gratuíta. Como o número de prazas é limitado, será preciso inscribirse no Departamento de Turismo do Concello de Boqueixón (boqueixonturismo@gmail.com ou 981 513 061).