займ срочно

Boqueixón presenta unha guía empresarial co obxectivo de incentivar as compras de Nadal

0

Boqueixón, 23 de novembro do 2021 – O salón de Plenos do Concello de Boqueixón acolleu a presentación da primeira Guía Empresarial, elaborada polo Departamento de Formación, Emprego e Desenvolvemento Local.

Ao acto asistiu unha representación dos empresarios locais e  estivo presidido polo alcalde, Manuel Fernández Munín, acompañado polo concelleiro de Economía e Facenda, José Manuel Iglesias Gómez.

Fernández Munín explica que esta iniciativa “naceu para crear una primeira base de datos coas empresas do municipio organizadas por sectores e que sexa unha ferramenta útil tanto para o empresariado como para a veciñanza de Boqueixón”.

O alcalde sinala que esta guía ten un triplo obxectivo: “Primeiro, dar a coñecer e apoiar aos magníficos profesionais que traballan no noso comercio, na nosa hostalería e nas numerosas empresas de servizos que temos en Boqueixón. Segundo, ser unha ferramenta para as Administracións de cara a fomentar inversións ou poñer en marcha calquera campaña de apoio ao sector. E terceiro para que os noso veciños e veciñas coñezan os grandes profesionais que temos no noso municipio e que non teñen que ir buscar fóra os produtos e servizos que teñen diante das súas casas”.

Fernández Munín lembra que “se algo positivo tivo esta pandemia foi que tivemos que volver a consumir nos negocios máis próximos. E iso é algo que temos que seguir mantendo porque é unha forma de que a riqueza que se crea en Boqueixón reverta na propia xente de Boqueixón. Por iso escollemos estas datas para presentar esta Guía, xusto antes das compras do Nadal. Porque dende o Concello desexamos que fagan as súas compras no comercio local, onde recibirán un trato profesional e próximo que só existe no pequeno negocio”.

Contido da guía

A Guía Empresarial de Boqueixón recolle un total de 86 pequenas empresas dunha vintena de sectores diferentes con todos os datos achegados polas firmas: nome da empresa, a que se dedica, emprazamento, teléfono, e-mail, web, Facebook… Estará dispoñible inicialmente en formato dixital e descargable en PDF, ao que se poderá acceder a través da web municipal (www.boqueixon.gal) co obxectivo de poder actualizala permanentemente, tanto con novas incorporacións como incluíndo novos datos das 86 empresas que participan no documento inicial.

A guía está deseñada para a súa correcta visualización en todos os navegadores e dispositivos móbiles (tabletas, móbiles…) e os enlaces están activos, de forma que permiten acceder directamente á web, redes sociais, mail da empresa e mesmo chamar por teléfono. “Queremos que o contacto entre o cliente e a empresa sexa o máis doado e directo posible”, sinalou o alcalde.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies