Boqueixón, 17 de maio do 2022 – O Desfile de Carrozas de Oural, en Boqueixón, puido por fin volver e celebrou a súa cuadraxésimo sétima edición.
Unhas trescentas persoas desfrutaron, pese a chuvia, do XLVII Desfile de Carrozas de San Cidre. Organizado pola Comisión de Festas de Oural, en colaboración co Concello de Boqueixón, contou con seis carrozas, viño e petiscos.
A música correu a cargo da Charanga BB+, Tania Veiras e Pena do Corvo, mentres que pola tarde a verbena chegou da man da Orquestra Finisterre..

A orixe das carrozas de Oural
A orixe do desfile de carrozas ten lugar fai case cinco décadas, cando un grupo de veciños de Oural-Camporrapado decidiu organizar, na honra ao patrón dos labregos, unha mostra das distintas tarefas relacionadas cos seus traballos diarios. Mostras que se instalaban en carros tirados por vacas e que foron evolucionando ata o día de hoxe que están movidas por vehículos a motor. Toda a festa está intimamente ligada á gastronomía tradicional (posto que cada carroza fai unha degustación de produtos típicos a cambio dun donativo económico simbólico) e ao folclore galego.

Valentín García pregoeiro
Tras un desfile por Camporrapado, as carrozas trasladáronse ao campo da festa de Oural, onde tivo lugar o pregón a cargo do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.
O pregoeiro amosouse moi “orgulloso de dar o pregón”, convidando aos presentes a “festexar e vivir a vida, sementade para o día de mañá”. Ademais de amosar a súa “admiración polo traballo que fan as persoas que elaboran as carrozas, onde me gusta ver que parte da mocidade se une para manter a tradición”, Valentín García destacou que “esta festa celebra un solsticio no momento no que saímos da pandemia, unha coincidencia moi bonita”.

Festa de interese turístico
Pola súa banda, o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, agradeceu o apoio que cada ano recibe este festa. “Dá gusto ver o campo cheo despois da pandemia”, asegurou o alcalde, quen insistiu en que “dende o Concello seguiremos apoiando esta festa para que sexa declarada de interese turístico de Galicia”. Os autores das carrozas recibiron cadansúa placa conmemorativa.
