Boqueixón, 27 de xuño do 2022 – Boqueixón aprobou, en sesión extraordinaria, unha modificación de crédito que destinará 928.659,08 euros do remanente a mellora de infraestruturas e estradas.
O concelleiro de economía de Boqueixón, Xosé Manuel Iglesias, avanzou que “esta é a primeira modificación, que suporá un investimento de 1.116.000 euros en Boqueixón pero non será a última, porque en xullo imos traer unha segunda para poder acometer actuacións procedentes de subvencións conseguidas por este grupo de Goberno e ás que agora temos que dotar das achegas municipais”.
A modificación aprobouse cos votos a favor do equipo de goberno e a abstenci´n da oposición. Os cartos repartiranse en dez proxectos que segundo Iglesias responden ás necesidades e peticións dos veciños de Boqueixón como o novo parque infantil no campo da Festa de Lestedo, un programa de sinalización de todo o concello ou o aglomerado das estradas de Casalpegito á Moa e de Ardarís a Rubial, entre outras actuacións”
Programa de inversións
Por importe de investimento os proxectos máis importantes son a mellora con aglomerado do viario das pistas de Casalpegito á Moa (224.462,82 euros) e de Ardarís a Rubial (174.893,19 euros).
Destinaranse outros 91.593,37 euros á construción dun novo parque infantil no campo da festa de Lestedo. O alcalde, Manuel Fernández Munín, explica que “a mellora deste parque é unha demanda que temos da veciñanza de Lestedo e finalmente decidimos retirar o que hai e facer un novo parque infantil nunha zona onde a poboación está medrando”. Munín adiantou tamén un investimento de 57.676,14 euros para melloras nos parques infantís das escolas de Lestedo e Camporrapado, que incluirán o cambio do solo e a mellora dalgúns xogos.
Plan de sinalización
Por outra banda, Boqueixón destinará 261.947,56 euros a un plan de sinalización de núcleos en todo o municipio. Parte dos fondos destínanse ás partes que o concello ten que aportar en obras subvencionadas desde outras administracións como por exemplo 30.000 euros para a mellora dos viarios perimetrais do polígono de Camporrapado (proxecto de 150.000 euros dos que a Xunta aporta 120.000 euros) ou os 13.353,85 euros para a realización dunha senda en Rubial, que se sumarán aos 15.000 euros achegados polo Xacobeo para “acometer o tramo dende a renovada praza de Rubial para garantir a seguridade dos peregrinos e veciños que discorren por esta zona”, apuntou o alcalde Manuel Fernández Munín.
Tamén se financiará con cargo ao Remanente a achega municipal (11.189 euros) para o investimento de 64.473 euros dentro do Plan AGADER de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas. Finalmente, o programa inclúe a financiación de dous proxectos que non conseguiron axudas e que Boqueixón financiará ao cen por cen. Trátase do acondicionamento dunha área recreativa en Gastrar, cun custo de 48.397,17 euros, e da corrección de impactos paisaxísticos no lavadoiro de Camporrapado, que recibirá 15.145,34 euros.