Bisbarra, 17 de outubro do 2024 – O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e o concelleiro de Obras, Manuel Fernández Munín, asistiron ao replanteo das obras de mellora da eficiencia enerxética do pavillón do Forte.
Unha actuación que suporá un investimento de case 60.000 euros, que serán achegados pola Xunta de Galicia a través do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local. Estiveron acompañados por representantes da empresa adxudicataria e percorreron as instalacións municipais.
O alcalde, Ovidio Rodeiro, explicou que “Con esta actuación imos resolver tamén os problemas que están a xerar os danos existentes nas envolventes do polideportivo e que se traducen sobre todo en humidades no interior. Por iso imos primeiro a reparar as gretas e fisuras nas paredes exteriores para despois instalar un novo revestimento máis eficiente, así como instalar un equipo de produción de auga quente sanitaria nos vestiarios para mellorar a comodidade da veciñanza e dos equipos deportivos que utilizan estas instalacións”.
Tal e como puideron comprobar alcalde e concelleiro de Obras, as zonas máis afectadas do polideportivo son as fachadas sueste e nordés, xa que son as máis expostas aos ventos e ás chuvias. Por iso procederase a mudar o seu actual revestimento por outro cunha solución SATE e substituiranse os actuais remates de coroación da fachada noroeste e da cuberta da fachada suroeste xa que non resolven adecuadamente a evacuación das augas da chuvia.
A maiores, realizarase un selado das zonas afectadas por fisuras e brechas nas paredes, para evitar que no futuro se localicen humidades no interior e evitar os problemas actuais de desconchados nas pinturas interiores. A maiores aplicaranse dúas mans de pintura plástica hidrófuga. O Concello instalará ademais nos vestiarios un equipo de produción de auga quente sanitaria con bomba de calor por aerotermia, cun acumulador de auga quente de 477 litros que mellorará a eficacia na atención ás necesidades de subministro das persoas e entidades usuarias do polideportivo municipal do Forte.