Bisbarra, 4 de outubro do 024 – O concello de Boqueixón acomete melloras na estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Pumariño, Pousada.
Unhas obras que supoñen un investimento de 100.000 euros e que estarán rematadas a finais de mes. Esta depuradora da servizo ao polígono industrial de Camporrapado e as obras permitirán aumentar a capacidade de depuración.
Os traballos comezaron coa instalación dun novo decantador co que a depuradora poderá afrontar un volume de decantación de 33 m3. Así mesmo, colocarase unha nova reixa de desbaste automática. Dúas pezas que están deseñadas para manexar unha carga contaminante equivalente a uns 600 habitantes.
Instalarase despois unha válvula de corte, para o baleirado de lodos no pozo de rexistro, repararase o decantador secundario e substituirase a bomba do sistema de recirculación de lodos entre o decantador secundario e o reactor biolóxico. Por último executarase unha soleira de formigón que mellorará a nivelación da depuradora e permitirá evitar problemas de asentamento.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, destaca que con estas actuacións “permitirá reparar e ampliar a capacidade dunha das dúas estacións de depuración de augas residuais que dan servizo ao polígono industrial de Camporrapado así como aos veciños e veciñas da contorna”. Esta EDAR presta servizo a 200 abonados, o que equivale a unha poboación duns 500 habitantes.
Na actualidade, o Concello de Boqueixón dá subministro de auga ao 100% das casas e servizo de depuración a todas as aldeas. Conta cun total de 12 depuradoras e prevé poñer en funcionamento outras 12 microdepuradoras de infiltración, que darán servizo a vivendas illadas e cuxo custe asumirán o Concello e a Xunta de Galicia.