Boqueixón, 22 de setembro do 2022 – Boqueixón aprobou unha modificación de crédito que financiará sete proxectos de mellora de estradas e do servizo de recollida de lixo.
O investimento total abarca sete proxectos e chega aos 367.695 euros. De esa cantidade, a modificación de crédito aprobada supón 105.527 euros con cargo ao Remanente Líquido de Tesourería.
A modificación foi aprobada cos votos do Grupo de Goberno e a abstención da oposición municipal. O concelleiro de Economía e Facenda, José Manuel Iglesias.
sinalou que “traemos esta segunda modificación para cubrir a achega municipal a proxectos de investimento da Xunta e da Deputación, así como proxectos propios como a adquisición de contedores de lixo para a recollida de residuos sólidos urbanos e amarres para os mesmos”.
Programa de inversións
Entre as actuacións máis importantes figuran a mellora do viario entre A Pena e A Moa, na parroquia de Loureda, onde o Concello de Boqueixón investirá 159.887,63 euros. “Trátase dunha obra que temos previsto facer dende hai tempo e que agora podemos finalmente acometer”, apunta o voceiro do Grupo de Goberno.
En colaboración coa Xunta de Galicia e o Concello de Vedra, investiránse 60.000 euros na construción dunha ruta de sendeirismo entre Donas e Gundián. Unha actuación conxunta emprazada no Fondo de Compensación Ambiental.
Por outra banda Boqueixón acometerá melloras no local social de Codeso por un importe de 34.423,06 euros, dos que o ente local achegará o 31% e o resto será financiado pola Xunta de Galicia.
Melloras na recollida do lixo
A maior parte dos cartos desta modificación de crédito irán destinados a medioambiental e recollida de lixo. Entre os distintos proxectos previstos figuran a adquisición dun camión para a creación dun punto limpo móbil, por un importe de 71.390 euros. Este novo servizo favorecerá a recollida daqueles residuos especiais susceptibles de recuperación e que non son recollidos no sistema ordinario: pilas, baterías, lámpadas, tubos fluorescentes, vidro, aceites usados, roupa, calzado…
Tamén se evitará que a veciñanza teña que desprazarse cos residuos a un punto de entrega, xa que este punto limpo móbil achegarase ás distintas aldeas dun xeito periódico e seguindo un plan de viaxe que será dado a coñecer previamente polo Concello a través das súas canles habituais de comunicación cos veciños e veciñas.
O Concello investirá tamén 14.924 euros na adquisición de contedores para envases lixeiros así como outros 12.077 euros para a compra de contedores marróns, para a recollida de residuos orgánicos. A actuación complementarase cun investimento de 14.993 euros para a adquisición de 85 dispositivos de suxeición para contedores.
Festivos locais
O Pleno tamén aprobou os festivos locais para 2023, que se manteñen como en 2022: martes de Entroido (21 de febreiro) e Día da Ascensión (xoves 18 de maio). Así mesmo, na sesión plenaria acordouse a modificación puntual número 4 das normas subsidiarias de 1996, que eran moi restritivas con respecto aos peches das vivendas e se adecuaron ao que permite a normativa vixente.