O suceso produciuse na tarde de onte e as liñas puideron ser recuperadas hoxe ao mediodía. Un dos móbiles era o do alcalde.
O Concello de Boqueixón presentou denuncia ante a Garda Civil polo hackeo de dúas das súas liñas de telefonía móbil, a do alcalde e a da directora do CRA “Neira Vilas”. A denuncia inclúe un presunto delito de suplantación de identidade, toda vez que a persoa ou persoas responsables utilizaron eses números para solicitar cartos a veciños e veciñas do municipio.

O Concello de Boqueixón fai un chamamento á veciñanza para que faga caso omiso de calquera mensaxe de WhatsApp que lles teña chegado nas últimas 24 horas dende eses dous números de teléfono e, sobre todo, que non fagan efectiva ningún tipo de pago, transferencia, bizum.. Neste sentido, lembran que o Concello de Boqueixón non utiliza a plataforma WhatsApp para xestionar o cobro de ningún tipo de servizo.
O Concello de Boqueixón lamenta as molestias que esta situación poida causar entre a veciñanza e agarda recuperar o control de ambas liñas ao longo das próximas horas, así como que as investigacións da Garda Civil permitan localizar e deter á persoa ou persoas responsables desta situación.
As liñas conseguiron ser recuperadas no mediodía de hoxe. A Garda Civil prosegue coa investigación para atopar aos responsables sen que polo momento se teñan máis datos.