Boqueixón_Touro, 09/07/2026 – Boqueixón ven de asinar un convenio que garantirá o abastecemento de auga en catro parroquias de Touro por un período dun ano. O máximo caudal diario será de 173 m3 a un prezo de 0,4013 euros/m3 (+IVE), o mesmo que se aplica a outros municipios.
As parroquias de Touro que se beneficiaran de este acordo acollen a 626 veciños. Os lugares son A Barreiriña, A Bugalleira, O Casal, O Empalme, Millán, Coto de Millán, Outeiro de Millán, Porcariza e Vilar (na parroquia de Vilar); Corneda, Insua, Mince, Quintás e Sanguñedo (parroquia de Prevediños), A Besaña, Eirexe, Foxás de Abaixo, Grixó, A Obra, Sobredo e Tolán (parroquia de Foxás); e Bendaña e Lubagueiras (parroquia de Bendaña).
Este acordo por un ano está supeditado á construción dun sistema de subministro de auga independente no concello de Touro. O convenio foi asinado polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, e o de Touro, Jesús José Reboredo González.

Colaboración
Ovidio Rodeiro enmarca este convenio dentro “da colaboración propia de dous concellos veciños que permite que municipios do rural poidamos ofrecer á veciñamza os mesmos servizos que teñen nunha gran cidade, como pode ser o Centro de Información á Muller, que mantemos conxuntamente dende 2006 con Touro e Vedra, ou iniciativas como Correntes do Ulla, as escolas deportivas de fútbol ou os recentes campamentos de verán conxuntamente con Vedra”.
Pola súa banda, José Reboredo, alcalde de Touro, explica que “o convenio subscrito permitiranos garantir o subministro de auga ós veciños das parroquias de Vilar, Prevediños, Foxás e Bendaña, durante o tempo que duren as obras de renovación do bombeo e da tubaxe da captación do río Lañas.”
Reboredo engade que as olas de calor do último mes dispararon o consumo polo que “vémonos obrigados a comprar auga para garantir o subministro. Ó mesmo tempo imos por en marcha unha campaña de sensibilización sobre o consumo responsable, mediante comunicación individual a todos os usuarios e divulgación a través das redes do Concello”.

Un acordo eficiente economicamente
Ademais de garantir o subministro de auga nas mencionadas localidades o convenio asinado con Boqueixón ten “unha vantaxe desde o punto de vista económico e de xestión municipal, xa que nos permite optimizar recursos e evitar investimentos ou actuacións de carácter urxente moito máis custosas a curto prazo. Grazas a esta colaboración Touro pode ofrecer unha solución inmediata, viable e asumible, garantindo o abastecemento a un prezo equilibrado e sostible para as arcas municipais”.
Por último, o mandatario de Touro quere agradecer “a disposición e a colaboración do Concello de Boqueixón e do seu alcalde, Ovidio Rodeiro, porque este acordo é un exemplo de como a cooperación entre administracións locais pode traducirse en mellores servizos, máis eficiencia e maior benestar para a cidadanía. No rural, a colaboración entre concellos é fundamental, e este convenio demóstrao claramente”.
Boqueixón suministrador
Touro non é o primeiro que se beneficia das infraestruturas de Boqueixón. O alcalde, Rodeiro Tato, lembra que o concello tamén presta subministro de auga potable a algunhas parroquias de Vedra e mesmo ao aeroporto de Lavacolla. “Isto é posible grazas a que a estación de tratamento de auga potable de Orto ten unha capacidade de produción de 30 litros por segundo, o que significa que pode abastecer a unha poboación de case 12.000 habitantes. E en Boqueixón non chegamos aos 5.000”.
Unhas instalacións nas que o Concello vén de investir máis de 120.000 euros, en colaboración coa Xunta de Galicia, para instalar estacións de medición e rexistro en captacións na ETAP de Orto e no depósito do Pico Sacro, o que permitiu implantar una plataforma dixital que permite visibilizar toda a información da rede de auga en tempo real e mellorar así a súa xestión, mellorando a calidade da auga que chega aos fogares.
