Boqueixón, 5 de abril do 2018 – O Concello de Boqueixón vén de abrir a convocatoria de axudas para entidades sen ánimo de lucro, que teñen de prazo ata o 4 de maio para entregar toda a documentación.
As axudas so poderán ser para entidades inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións (un total de 62) e que acrediten un número mínimo de 15 persoas asociadas na data de presentación das peticións. As axudas irán destinadas ao desenvolvemento de actividades durante o ano 2018. Xunto coa propia solicitude, as asociacións deberán presentar unha declaración responsable na que se certifique que cumpran todos e cada un dos requisitos vixentes para obter a condición de beneficiarias, así como a declaración das axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade. Ademais, deberase axuntar un certificado da composición actual da Xunta Directiva da asociación e do número de persoas asociadas e un proxecto ou memoria detallada da actividade ou proxecto a realizar. Completarase a documentación coa certificación bancaria co IBAN completo, a copia do DNI da representación legal da asociación e unha copia do CIF.
O Concello de Boqueixón destina un total de 8.000 euros para esta liña de subvencións a asociacións sen ánimo de lucro do termo municipal. O importe máximo por axuda será de 1.000 euros.
